Técnicos de Mozambique intercambias experiencias en Galicia

Da man do Fondo Galego de Cooperación en Cuntis, Coristanco, Pontedeume e Monforte

Pontevedra | Tres técnicos municipais de Mozambique pasarán as próximas dúas semanas intercambiando experiencias con persoal de catro concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. No marco do proxecto de apoio á sustentabilidade económica dos municipios de Manhiça e Namaacha, cofinanciado pola Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID), a delegación mozambicana visita desde hoxe Cuntis, Coristanco, Pontedeume e Monforte de Lemos para coñecer os seus sistemas de xestión financeira e tirar aprendizaxes que poidan aplicar ao seu regreso.

Onofre Muianga, coordinador do Departamento de Finanzas Públicas Municipais na Asociación Nacional de Municipios de Mozambique (ANAMM); Plácido Sitoe, técnico de contabilidade de Namaacha, e Bento Macamo, técnico de planificación de Manhiça, traballarán cos seus homólogos nos concellos galegos para saber como xestionan estas áreas e profundar, concretamente, na recadación de taxas e impostos locais. Adquirirán, deste xeito, unha formación fiscal que permitirá reforzar as capacidades dos municipios mozambicanos e, polo tanto, mellorar a gobernanza local e os servizos públicos ofrecidos á cidadanía.

Este proxecto de cooperación técnica prolongarase ata 2027, cando concluirá coa elaboración dunha serie de ordenanzas municipais que garantan unha recadación xusta e sensible ao xénero. O proceso, apoiado pola AECID a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, contribuirá asemade a impulsar o proceso de descentralización administrativa e, polo tanto, á consolidación da democracia, en liña co ODS 16: Xustiza, paz e institucións sólidas.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 116 concellos e as catro deputacións de Galicia, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vai cumprir 28 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.