Teatro sobre a Memoria Histórica en Gondomar

Coa presentación da obra "O Péndulo" do ciclo de teatro ‘Barracas’

Pontevedra | Gondomar vai acoller este venres a obra de teatro ‘O Péndulo’ da compañía Inversa Teatro sobre a historia do fusilado Tirso Gómez e a única alcaldesa galega na II República.

Trátase dunha representación incluída no ciclo de teatro ‘Barracas’ posto en marcha polo departamento de Memoria Histórica da Deputación que tamén levará á escena outras obras relacionadas co golpe de Estado do 36, a ditadura e a represión franquista noutras localidades como Vilagarcía, Moaña, Silleda, Tomiño ou O Grove.

A deputada de Memoria María Ortega explica que coa programación de todo o ciclo teatral a Deputación pretende dous obxectivos: garantir que as compañías do país conten con respaldo económico que as anime a proxectar textos referentes á memoria e espallar entre a cidadanía a memoria con perspectiva de país, xénero e clase.

‘O Péndulo’ representarase este venres, xusto dous días antes da celebración do Día Mundial do Teatro, ás 21 horas no Auditorio Municipal Lois Tobío con entrada de balde e sen reserva previa.

Trátase dunha obra de teatro-documento que mostra como se desenvolveu a sublevación militar de 1936 e o inicio da Guerra Civil en Galicia a través dun achegamento á historia colectiva desde o persoal, xa que a co-dramaturga e actriz Marta Pérez fala da experiencia do seu bisavó, Tirso Gómez Freijido, natural de Ribadavia e residente en A Cañiza.

Membro do Partido Socialista, republicano e presidente da Casa do Pobo da vila, Tirso foi apresado e fusilado no ano 1936 no Castro de Vigo, xunto cos seus camaradas Xusto Moure, Jesús Pérez e Antonio Mouteira. Outro veciño da localidade, Benjamín Malvar, apareceu asasinado nunha gabia.

Xunto con eles foi apresada tamén María Gómez, alcaldesa da Cañiza, pertencente a Esquerda Republicana, a única muller que exerceu ese cargo en Galicia durante a Segunda República. Esta última conseguiu salvarse do fusilamento no último momento, alegando un falso embarazo. Foi condenada a cadea perpetua e acabou vivindo en Lugo coa anarquista Urania Mella.

A propia Marta Pérez destacou na presentación da peza que é o “proxecto máis especial do que levo desenvolvido ata agora porque falo dende a memoria histórica pero tamén dende o persoal. (…) A obra é ‘O péndulo’ porque eu estou constantemente buscando que facer, que dicir, e vendo ata onde podo chegar. Intentarei facela co máximo cariño e respecto, non só pola miña familia, senón polo resto das familias implicadas e coas que teño contacto”. Ademais de participar como dramaturga e actriz, “debido á carga emocional que supón para min”, Pérez precisou de axuda na coescrita de Ernesto Eis e na dirección Carlos Álvarez Osorio, En escena están tamén Rosa Puga Davila e Nerea Brey.