Tamén esqueceron.

Son moitas as persoas que perden, nun momento determinado, as referencias e os límites. Pásalles a moitas daquelas que se meten en terreos escabrosos, políticas que de súpeto esquecen prerrogativas coas que chegaron a ser votados, promesas que un día fixeron. Iso pasa en todos os niveis de exercicio, tanto nos déspotas dos gobernos máis grandes do mundo, coma naqueles que cremos máis nosos.

Todos botan arroutadas ousadas e ofensivas cada vez que abren a boca, desas que provocan en nós o noxo estupefacto, ao ver que foron escollidos por unha grande cantidade de xente que non souberon aprezar o seu intenso odio, do que están cheos de orgullo, e a falta de educación e de comprensión dos verdadeiros problemas que deberían resolver.

Mais o problema dáse tamén nos de menos lonxe, os que temos no arredor e que non acordan tampouco as referencias. Son incapaces de lembrar o que un día dixeron. Están obnubilados nos seus intereses máis básicos de postureo e de protagonismo. Son seres aos que intimamente chegamos a considerar afectos, e son contrarios a nós naquilo que sempre defendemos. Provocan en nós certo desacougo e un certo escándalo, seica contestan polas redes sociais, habitáculo idóneo de mentir e difamar, para xustificar a súa remodelada situación que é vinganza e case odio, incapaces xa de recoñecerse e de recoñecer, de volver sobre a verdade, a lei, o dereito, a xustiza. O certo é que xa só están no lado de eles mesmos. Aquela loita incansable que exercerían, non foi nin será. Eran voces de serea, reclamo de tontos entre os que -seica- estou tamén eu. Negan con soltura, son grandes actores, a razón que un dia barallaban nos seus argumentos, quedou criando malvas. As circunstancias e os matices, din, son outros e por iso vén esa leve discrepancia, o retroceder nas posibilidades de resolver calquera problema pendente. Fixéronse contrarios a todo, entes da contradición, estrategos da mentira mentres nos observan desde o alto, galos empoleirados de soberbia.

“Mais o problema dáse tamén nos de menos lonxe, os que temos no arredor e que non acordan tampouco as referencias. Son incapaces de lembrar o que un día dixeron”

O seu programa político comeza a estar cheo de dogmas e de represalias, desprezan moitas veces a cordura e o entendemento, o diálogo, mesmo o consenso. Propugnan esas simplicidades binarias que polarizan todo, ou azul ou vermello. Non caen na conta de que son cousas mínimas que nos personalizan e polas que nos diferenciamos e distinguimos, nin mellores nin peores, cousas que nos enchen de contrarios e silenzos, cousas -en fin- que negan a mesma humanidade ao tirarnos ao precipicio, sobre todo cando non se quere entender a nosa diversidade tan plural e variada, tan humana e necesaria.

Mestre e músico.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.