
Coles | Susana Rodríguez Rodríguez tomou posesión como nova alcaldesa do Concello de Coles, converténdose na primeira muller en ocupar a Alcaldía. A rexedora socialista asume o cargo trala renuncia de Manuel Rodríguez, que deixa o posto despois de 19 anos ao fronte do Concello.
A nova alcaldesa de Coles subliñou a responsabilidade que supón asumir o goberno municipal no último ano de mandato, unha circunstancia que, segundo destacou, “non é unha debilidade, senón unha responsabilidade engadida para dar continuidade ao traballo realizado e, ao mesmo tempo, iniciar unha nova etapa política”.
Susana Rodríguez puxo en valor o significado do seu nomeamento como un avance real en igualdade. “Non é só un símbolo, é romper unha inercia histórica e ese teito de cristal que durante demasiado tempo afastou ás mulleres dos espazos de decisión”, afirmou. Neste senso, lembrou as palabras da presidenta de México, Claudia Sheinbaum “non chego soa, chegamos todas” para reivindicar o papel das mulleres na vida pública. Rodríguez agradeceu a confianza do seu grupo de goberno, o apoio do seu entorno persoal e o traballo do persoal municipal, ao tempo que apelou ao diálogo e ao respecto entre todas as forzas políticas. “Este salón de plenos debe ser un espazo de debate serio, afastado do ruído, da mentira e do insulto”, apuntou.
Tivo tamén palabras de recoñecemento para o seu antecesor, Manuel Rodríguez, a quen agradeceu “case vinte anos de traballo que transformaron por completo Coles”, destacando avances na avances na ordenación do territorio, nas infraestruturas, nos servizos públicos e na protección do medio ambiente. “Del aprendín que a política municipal non se fai desde un despacho, senón escoitando e estando ao carón da xente”, afirmou. A nova rexedora asegurou que ese será o eixo do seu mandato: un goberno de proximidade, con presenza nos 92 núcleos do municipio e centrado en atender as necesidades reais da veciñanza.
O futuro de Coles
Susana Rodríguez avanzou algunhas das liñas estratéxicas que marcarán esta nova etapa, entre elas o desenvolvemento da finca do Diestro como espazo de lecer e deporte; a conexión peonil entre Ourense e Os Peares cunha zona de baño fluvial; a recuperación de terras abandonadas mediante polígonos agro forestais; a posta en valor de vivendas en ruína para facilitar a súa incorporación ao mercado; e a aposta por un modelo enerxético máis sostible baseado na enerxía fotovoltaica.
Estas iniciativas, explicou, forman parte dunha folla de ruta orientada a “modernizar Coles, sen perder a súa identidade”, reforzando os servizos públicos, a calidade de vida e as oportunidades no rural. “A prioridade é clara: que en Coles se poida vivir, traballar e quedar”, afirmou a alcaldesa, quen reivindicou o papel do municipalismo como a política “que máis transforma a vida cotiá da xente”.
Concluíu a súa intervención reafirmando o seu compromiso de gobernar desde a proximidade: “Non prometo non equivocarme, pero si teño claro como vou gobernar: estando ao carón da xente, traballando e tomando decisións”.




