Sondaxes arqueolóxicas no mosteiro de san Xoán de Camba en Castro Caldelas

Data do século X e a igrexa dos séculos XVI e XVIII

Castro Caldelas | A Xunta realiza sondaxes arqueolóxicas que se están a desenvolver dende hai mes e medio no mosteiro de san Xoán de Camba, financiadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, para coñecer, estudar e analizar algúns aspectos da historia e orixes deste monumento.

Na intervención arqueolóxica, na que estaba previsto realizar cinco sondaxes para verificar os datos que nos ofreceu a investigación realizada co xeoradar, realizáronse soamente dúas, dado o interese da información que estaba a dar a sondaxe número 5, onde apareceron vestixios do muro perimetral que confirmaría a existencia do mosteiro medieval, igualmente estruturas do que poderiase considerar dúas celas (unidades de habitación), todo elo con abundante material construtivo e cerámico de época medieval (material sobre o que vanse realizar datacións), e dúas tumbas medievais.

Gabriel Alén, delegado da Xunta, salientou que nas zanxas de cimentación do antigo mosteiro medieval, apareceron restos de material romano reutilizado e debaixo deste nivel, vestixios de tumbas de ladrillo de orixe seguramente Tardoromano (pola zona pasa a Vía Nova); podéndose catalogar a información que aportan os resultados obtidos ata o momento de gran interese e moi interesantes, destacando a grande importancia deste xacemento arqueolóxico.

O mosteiro de Camba
O antigo mosteiro de san Xoán de Camba foi durante moito tempo unha importante abadía e Real Mosteiro dúplice, cunha comunidade de homes e outra de mulleres. A súa fundación datase no século X, por obra de Diego I, bispo de Ourense. Desta primitiva construción so se conservan tres pezas de granito de claro estilo prerrománico: unha ventá xeminada e dous releves (unha adoración e unha flaxelación) gardados no Museo Arqueolóxico de Ourense.

A igrexa actual, dos séculos XVI-XVIII e que funciona na actualidade como templo parroquial, atesoura algunhas pezas artísticas de gran valor. A súa gran torre data de 1779, aínda que tamén conta cunha sancristía subterránea sen dúbida máis antiga na que apareceron varios sepulcros antropoides e moedas romanas do século IV d.C., o que reflicte os séculos de historia deste lugar.

Ao sur da igrexa, consérvanse parte das dependencias do antigo mosteiro, hoxe en ruínas e que no ano 2022 foron obxecto dunha intensa limpeza, roza e documentación, ademais de proceder ao seu peche perimetral para a súa protección (actuación tamén promovida pola Consellería).

A igrexa de San Xoán de Camba ten a condición de ben catalogado, en virtude do artigo 30 da Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia xa que aparece recollida no catálogo de bens protexidos do PXOM do Concello de Castro Caldelas.

En base aos valores patrimoniais que reúne este conxunto monumental, cunha intensa evolución histórica que se pode retrotraer ata época romana, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (DXPC) considerou necesario levar a cabo neste ano 2023 unha serie de sondaxes arqueolóxicas coa finalidade de valorar a súa potencialidade arqueolóxica e así avanzar na investigación e documentación das orixes e da evolución histórica de san Xoán de Camba.