Somos Ribadumia informou de avances na solución de problemas do centro de saúde

Como a recuperación do servizo de pediatría na atención primaria
A semana pasada tivo lugar unha xuntanza formal entre Somos Ribadumia, representado por Ricardo Fontán, e o xerente da EOXI Pontevedra-Salnés, Xosé Ramón Gómez, para analizar a situación do centro de saúde.

Ribadumia | Logo de meses de traballo e conversas coa EOXI Pontevedra-O Salnés, dende Somos Ribadumia logramos poñer enriba da mesa unha solución que permita a recuperación do servizo de pediatría no centro de atención primaria de Ribadumia que para a xerencia do ente sanitario resulte aceptable ata o punto de estar disposto a poñela en marcha nos próximos meses.

A semana pasada tivo lugar unha xuntanza formal entre Somos Ribadumia, representado por Ricardo Fontán, e o xerente da EOXI Pontevedra-Salnés, Xosé Ramón Gómez, que foi o resultado dunha serie de conversas anteriores onde se analizou a situación concreta do centro de saúde ribadumiense, e se valoraron posibles solucións.

Tal como explica Ricardo Fontán, membro da executiva de Somos Ribadumia e con case corenta anos de experiencia como traballador do SERGAS, “no noso partido temos moi clara a nosa opinión ao respecto da política da Xunta coa sanidade pública, pero tamén temos moi claro que se queremos solucionar os problemas do noso concello non chega con queixarse. As normas ponas quen goberna, con esas normas hai que traballar, e iso foi o que fixemos”.

Resumindo unha situación sobradamente coñecida: Ribadumia, ao igual que a Illa de Arousa con quen comparte pediatra, leva máis de un ano sen este servizo, tendo as familias que levar ás crianzas ao centro de saúde de Cambados. Esta situación, que tamén alongase no tempo e dende o EOXI sempre se dixo que o problema era encontrar pediatras para cubrir o servizo.

Explica Fontán, “O que nos fixemos foi sentarnos e analizar cal era o problema polo cal non se encontraban pediatras que cubriran estes ocos, e vimos, falando con membros da xerencia e con diversos profesionais sanitarios, que o principal atranco non estaba tanto na falla de pediatras como na organización do servizo.

Resumindo, que ninguén quere repartirse entre Ribadumia e a Illa debido á distancia que supón os desprazamentos e que obriga a unha enorme perda de tempo e en último termo unha merma da calidade de servizo e da calidade de vida laboral dos profesionais que sinxelamente, con esas condicións non dan feito”. Dende Somos Ribadumia traballamos entón varias alternativas, analizando a situación dos concellos limítrofes, e ao final demos cunha proposta que podería ser viable, e que levamos á xuntanza do pasado martes.

“A nosa proposta resultou ben sinxela: que o pediatra sexa compartido con Meis, que tamén se encontra nestes momentos sen este servizo, e non con A Illa. Isto significaría acortar os desprazamentos para o pediatra ao mínimo , mellorar a calidade do servizo e tamén dos tempos para a atención, e o resto de parámetros de calidade do servizo, ata o punto, e así o propuxemos, de que podería darse atención un día a semana pola tarde”.

A nosa proposta foi máis aló, pois dende Somos Ribadumia mantivemos previo a esta xuntanza contactos con profesionais que puideran estar interesados en aceptar este destino, co resultado de que puidemos aportar algún nome a Xosé Ramón Gomez, o cal entendemos, ao igual que o xerente da EOXI, que facilita moito o avance na resolución deste problema.

Dende a Xerencia aceptaron a nosa proposta e decidiron incluíla nos seus procesos internos, quedando emprazados nas próximas semanas a outra xuntanza para xa confirmar a viabilidade deste plantexamento e a súa posta en marcha.

O terceiro médico, máis preto
Outro asunto ao que propuxemos solución obtendo o visto bo da xerencia foi a dotación do terceiro médico no centro de saúde de Ribadumia. Este é un tema se cabe máis complexo, pois á reiterada falta de profesionais súmase que o centro de saúde, feito fai máis de trinta anos, non conta coa infraestrutura necesaria para dotar dun xeito competente o terceiro facultativo.

Dende Somos Ribadumia propuxemos como solución viable que o terceiro médico de familia dera consulta polas tardes, o cal redundaría na mellora do servizo e dos horarios de atención, tamén da atención domiciliaria.

E do mesmo xeito que fixemos co asunto do pediatra, para facilitar o avance desta proposta, puidemos colocar enriba da mesa nomes de facultativos que viven dentro do SERGAS situacións de cambio que estarían a priori dispostos a dar servizo en Ribadumia.

O xerente da EOXI aceptou tamén esta proposta, considerándoa unha boa solución, comprometéndose a estudar a viabilidade da mesma.

Ao rematar a xuntanza, que se alongou un par de horas, algo pouco habitual que fala do interese da Xerencia da EOXI en artellar solucións para o noso centro de saúde e do bo traballo de Ricardo Fontán actuando en nome do noso partido, este confirmou que “do mesmo xeito que en xuntanzas anteriores a cousa parecía que non remataría moi ben, desta temos a seguridade de que a EOXI vai atender as nosas propostas e pronto imos recuperar o pediatra, e moi posiblemente teremos o terceiro médico, algo que levamos anos reclamando”.

Dende Somos Ribadumia queremos agradecer á dirección da EOXI, e ao seu xerente Xosé Ramón Gómez por escoitarnos ao longo de todos estes meses e por facer o esforzo de sentarse con nos a analizar a situación e buscar solucións

Nas próximas semanas pediremos xuntanzas cos representantes de A Illa e Meis, cos que xa estivemos en contacto, para explicarlle polo miúdo todo este traballo e comentar a situación dende o ámbito político.