Somos Ribadumia denuncia o perigoso estado do tellado do C.P.I. Xulia Becerra Malvar

Critica a 'ineficacia' dos 900.000€ investidos pola Xunta en obras

Ribadumia/Somos Ribadumia | Está maña achegámonos ao C. P.I.Xulia Becerra Malvar para entrevistarnos coa dirección e ver como está o colexio. E o panorama que nos presentaron foi de todo menos positivo.

De partida, o máis grave foi comprobar que o estado do tellado de primaria non só é lamentable, cousa que ven de vello, se non que agora mesmo presenta varias tellas soltas que en calquera momento poden desprazarse e caer, co risco de que golpeen a calquera neno, mestre, ou a calquera persoa que pille entrando ou saíndo do colexio.

“O peor xa non só é iso. O peor é que dende a dirección do colexio presentaron varias queixas no Concello, que é quen ten a responsabilidade do mantemento das instalacións, e expúxose no Consello Escolar, pero dende o goberno local non lles fan ningún caso, algo totalmente inaceptable”.

Ante a gravidade do asunto, á maior brevidade presentaremos un escrito no concello, para solicitar a inmediata actuación nese tellado, que se retiren as tellas soltas e se garanta a seguridade.

Pero este non é o único expoñente do abandono do Concello das súas obrigas no mantemento do colexio. A lista é longa: o parque de xogos de primaria está nun estado lamentable, as porterías e outro material do pavillón de deportes, que usa o colexio para as súas clases de ximnasia, están deterioradas e nalgún caso supoñen un perigo para os nenos e nenas .

Nin a caldeira nin os ascensores teñen os pertinentes contratos de mantemento, o cal nos leva a ter os ascensores desconectados -e nas últimas semanas houbo nenos con muletas que non puideron usalos- , e a caldeira da calefacción, que xa estivo varias semanas apagada polos probas derivados da falta de mantemento, deixada á súa sorte.

Dende Somos Ribadumia “volvemos insistir en que o goberno local non está solo para entregar trofeos e brindar nas festas. As obrigas de mantemento deben ser unha prioridade, e non se poden ter as instalacións na situación na que están as instalacións ribadumiense, e moito menos poñer en perigo a vida de nenos”.

As chapuzas da Xunta
Se o goberno local é o único responsable da súa desidia, a Xunta de Galicia tampouco se queda atrás. Hai que recordar que Educación, logo de moito loitar, e en gran medida gracias a presión da nosa formación, investiu preto de un millón de euros nunha reforma no colexio. Menos de catro meses despois de vir facerse a foto, as vergoñas dunha obra que non se fixo acorde ao que se expuxo no proxecto, quedan a vista.

Nos xa o dixemos no seu momento. A renovación do tellado tiña que ser algo prioritario, e a actuación que máis precisaba o colexio, como ben queda agora de manifesto. Pero ademais aparece no proxecto de licitación.

“Así que a nosa pregunta segue sendo: que se fixo cos cartos?? Porque a renovación completa do tellado de primaria non é a única parte do proxecto que quedou sen executar, faltan outras, como o illamento completo da fachada do módulo de infantil, entre outras cuestións”.