Somos Ribadumia: “David Castro usa recursos públicos para o seu propio beneficio político”

Indicou tamén que está negociando a súa integración no PP

Ribadumia/Somos Ribadumia | O pleno de onte demostrou que David Castro está decidido a manter a alcaldía de Ribadumia a calquera prezo, e que para logralo non ten problemas en regalar os cartos da veciñanza, ceder espazos públicos a grandes empresas, comprar maquinaria para poder enfrontar favores electorais de aquí a maio do ano próximo, e por suposto, negociar o seu paso ao PP.

O regalo dun espazo público a Correos
Un dos puntos que os Independientes aprobaron en solitario foi un contrato con Correos a través do cal o Concello cede, pola irrisoria cantidade de 1.200 € ao ano un espazo na praza de abastos de Barrantes.

De partida compartimos que o servizo de correos é necesario, e mellor sempre será telo que non telo. E polo tanto compartimos que o goberno local pule por manter ese servizo para o caso de que correse o risco de perderse. Pero dentro dunha medida, como todo o que atangue á xestión do público. “E despois, as cousas teñen que estar xustificadas. Nas comisións informativas pedimos que se aclarara cal é o motivo polo cal o concello lle cede regalado e polas boas un espazo a unha empresa de ámbito estatal, e ademais pertencente ao estado. Non houbo resposta nin nas comisións nin no pleno. Non hai motivo, nin consta ameaza de marcha de barrantes”.

David Castro, segundo se explicou nas comisións, unicamente mantivo conversas con Jorge Abal, un veciño de Lois, con cargo de responsabilidade na oficina de Cambados, que tamén resulta ser un ex-concelleiro do PP, unha persoa que casualmente, ou non, está participando nas negociacións para a integración de IR no PP. De feito no o contrato que se levou a pleno non figura ningunha persoa como asinante.

Dende o noso punto de vista, en todo caso David Castro demostrou unha neglixencia absoluta nesta cuestión. Para o caso de que Correos quixera pechar a oficina, ou buscar co Concello unha alternativa, as cousas teñen un proceder, e a actuación política tamén. De partida Correos debe comunicar formalmente ao Concello a súa intención de pechar a oficina, cos argumentos que sexa, pero por rexistro, cousa que non aconteceu. A partir dese momento un alcalde minimamente serio, prudente e sobre todo bo xestor, iniciaría un proceso, en primeiro lugar de presión.

Presión no diálogo, cartas ás autoridade e altos cargos competentes, con solicitudes de reunións coas máis altas instancias. Presión nos medios de prensa. Presión política, con mocións en pleno para lograr o apoio do resto de forzar políticas. Presión popular, con mobilizacións da veciñanza, recollidas de sinaturas … toda unha serie de recursos que obrigaran a Correos a recuar nas súas intencións. E en último caso, se fose evidente que a empresa non ia recuar, falar de cesión de espazos públicos ou doutras solucións alternativas, pero non regaladas.

“Pero non foi o que pasou. O que pasou foi que un señor, coleguita do alcalde, con máis cara que espalda lle dixo a David que lle iria ben ter un local de gratis, e a el faltoulle tempo para ofrecerlle un oco na praza de abastos, que a ten morta de risa”.

Nos non podemos estar de acordo con que se regalen os espazos públicos do Concello a ninguén, pero menos a grandes empresas que non teñen falta de nada. E dende logo é totalmente inaceptable que David Castro non fora quen de lograr a máis mínima mellora no servizo para a nosa veciñanza, co cal Correos lévase un local regalado, pero a veciñanza non se leva nada a cambio. “E a ver quen é o guapo que despois de deixarlle asentarse na praza de abastos, cun contrato regalado, os vota de aí. Porque despois si que Correos dirá que se os votan marchan do Concello. Unha vez ocupen o espazo, Correos se quere recortara o servizo canto considere, e David Castro non será quen de evitalo”.

Nos temos claro, á vista dos feitos e do que se nos oculta, que David Castro que esta operación é un favor a Jorge Abal. A cambio de que? “Iso non o din, pero nós temos unha idea moi aproximada”.

Unha finca 163 € o metro cadrado
Dende Somos Ribadumia, sempre e cando as cousas se fagan correctamente, non temos nada en contra da adquisición de patrimonio. O problema da operación de compra dunha finca de escasos mil metros en Barrantes, por valor de 163.000€, reside para nós en como se está xestionando e no prezo da compra, totalmente esaxerado, e en que esta é unha acción totalmente electoralista, que non ten proxecto definido detrás.

Compre dicir que o propio técnico municipal recomenda nun informe realizar unha taxación profesional da propiedade, que estableza o valor de mercado. David Castro negouse en redondo porque sabe que o prezo que esta pagando non é real.

O Concello vai pagar, cos cartos de todas e todos, un terreo ao prezo de 163 € o metro cadrado. “Iso non o paga un construtor por un terreo en Ribadumia nin farto de viño.Os prezos de terreo edificable móvense hoxe entre os 50€ e os 80€ nos casos máis gravosos, e segundo os prezos de referencia que figuran en Catastro, que para esa zona establecen un valor para esa finca nas condicións actuais nas que está de 72.000 €”.

Os terreos para o segundo campo de A Senra pagáronse a 60€ o metro, un atraco a man armada, aoser un terreo destinado a un campo de fútbol, non a vivendas. Pois aquí temos un atraco que é case do triple, para un terreo destinado a aparcadoiro. É totalmente inaceptable que se pague este prezo por esa parcela, pero máis inaceptable é que David Castro se negue a negociar o prezo, e acepte o que lle piden sen rechistar o máis mínimo. Ademais é unha compra illada, sen proxecto do que se pretende realizar, nin valoración do que vai custar, pero que no seu conxunto dificilmente baixara dos 400.000 €, que ninguén sabe de onde van saír, polo visto nin o propio alcalde.

Maquinaria para facer favores electorais
Fai so dous meses que aprobamos o orzamento. Entón non facía falta unha retroescavadora, e non había cartos nin para axudar as empresas, nin para axudar as entidades e aos clubs deportivos locais. 9 semanas despois hai cartos de sobra para fincas e maquinaria, e a pala que non era necesaria agora é unha necesidade tan urxente que non pode meterse no plan concellos do ano próximo, ou agardar unha subvención, senón que hai que sacar 24.000€ da caixa de todos os veciños e todas as veciñas para súa compra.

Este Concello leva investidos en maquinaria en so dous anos, sumando esta última 62.000€, máis o gasoil e horas de persoal que consumen. E nós preguntámonos para que. Ademais de que o Concello esta abandonado de todo, e so se fan traballos de maquillaxe, e mal feitos, que traballos hai agora tan urxentes que non se poidan realizar coa maquinaria que hai, ou coa maquinaria mancomunada, que se comprou cos cartos da veciñanza de Ribadumia? Está claro. A urxencia son os traballos electorais.

David Castro volve as vellas tácticas de facer favores a particulares en epoca electoral, pero el non ten un Rafael Louzán que dispoña maquinaria e persoal. E por iso, vai coller os cartos da veciñanza e gastalos “a lo loco” nunha maquina máis grande que a que xa temos, e seguramente innecesaria, ou cando menos nada urxente, pois hai outras alternativas. Xa temos máquinas, e temos a opción da maquinaria mancomunada. O que non temos son operarios para tanta maquinaria propia, nin necesidade de tirar os cartos.

O paso ao PP
Do que David Castro se negou a falar foi das súas negociación co PP. As preguntas que Oubiña presentou por escrito eran unha oportunidade moi clara de negar que esas conversas tiveran lugar como ten dito coa boca pequena. Pola contra David Castro optou primeiro por intentar evitalas, pechando o pleno antes de dar lectura das preguntas e respostalas, como manda a lei. Patético intento que a secretaria municipal tivo que corrixir. E unha vez expostas, non sen tentar desacreditar a quen pregunta faltandolle ao respecto debido como concelleiro, non quixo respondelas, porque según el aos plenos municipais non se vai a falar de política”.

Pero hai silencios e evasivas que din moito. David Castro, en pleno, preguntado polas afirmacións realizadas por membros do seu partido falando do paso de David Castro ao PP, non quixo negar que se produciran nin o seu contido, nin quixo negar que houbera negociacións, nin quixo negar que estea traballando para integrarse e mesmo ser candidato do Partido Popular. E ao non querer negalo, confirmouno.