Somos Ribadumia critica a reforma do parque infantil

Por non cumprir cos criterios de seguridade da Xunta e da UE
A Xunta de Galicia e diversas normas UNE obrigan a que por seguridade os parques infantís como estes estean vallados.

Ribadumia/Somos Ribadumia | A semana pasada David Castro anunciaba a través dos medios de prensa e das redes do Concello, que os Independientes usan como un taboleiro de propaganda cada día con menos vergoña, unha reparación nos espazos infantís da Praza da Carballeira en Barrantes.

E fixo tal anuncio aparentemente sen antes asegurarse de que a intervención que propón se poida levar a cabo, ou que cumpra cos requisitos de seguridade marcados por instancias superiores.

Vaia por diante, como expresa Oubiña, que “nós estamos totalmente a favor de calquera actuación de mellora nos espazos infantís do noso Concello, pero claro, sempre dentro da lei e atendendo as esixencias en cuestións de seguridade para as crianzas”.

A actuación que se pretende realizar, segundo o publicado polo goberno local, ademais acompañado dunha infografía que non deixa lugar a dúbidas, consiste na “substitución do actual valado que rodea o parque infantil de Barrantes e que se atopa deteriorado polo uso e o paso do tempo por unha bancada semicircular”.

O problema desta actuación é que a normativa autonómica e as diferentes normas UNE en vigor, como a UNE 147103:2001 de Planificación e xestión das áreas de e parques de xogos ao aire libre segundo unha serie de consultas que realizamos esta semana, poderían non permitila. Isto sería debido á situación das áreas de xogo.

Tal como consta no artigo 3.2 do DECRETO 245/2003, do 24 de abril, polo que se establecen as normas de seguridade nos parques infantís, “as superficies previstas para o xogo deberán estar debidamente acoutadas dun xeito seguro” , o cal sumado ao recollido nas normas UNE que deixa moi claro que sempre que na contorna haxa vías ou accidentes xeográficos ou físicos as zonas de xogo deben estar valladas, fai complicado que se poidan eliminar as vallas actuais. Ademais, parece que David Castro ignora que ese parque infantil en realidade son tres, un de nenos ata seis anos, e outros dous, un de xogos de columpio e outro cunha rede de escalada, para nenos maiores, que as normas obrigan a delimitar por separado, que é como están actualmente.

Dende Somos Ribadumia como xa dixemos, estamos a favor de calquera actuación de mellora, pero vémonos na obriga de pedirlle a David Castro que as actuacións que realice as faga poñendo atención ao cumprimento das normas, porque o contrario sería unha actuación como mínimo irregular, que ademais podería traer consecuencias e moitos problemas en caso de haber un accidente, pois as aseguradoras non se fan cargo de nada se as instalacións non cumpren escrupulosamente cos regulamentos. “ e nunca pasa nada ata que pasa. Nós non somos expertos, pero fixemos as nosas consultas e as conclusións son que esas áreas de xogo están valladas porque deben estalo, e entendemos que antes de facer cambios dese tipo corresponde ter todos os parabéns legais”.

Pero como ultimamente é evidente que o noso alcalde anda máis preocupado polos anuncios que pola lei, vimos de presentar un escrito no Concello advertindo da situación, acompañado dunha copia do decreto da Xunta.

Por outra banda, chama a atención que a solución que se anuncie, ademais a bombo e pratillo e cun claro carácter preelectoralista, non sexa unha renovación dos elementos de xogo, algúns xa bastante deteriorados, ou un aumento dos espazos de xogo, ou cando menos a dotación de arborado que dea algo de sombra no verán, unha vella reclamación dos pais e nais á que David Castro por algún motivo sempre se opuxo a dar cumprimento, senón simplemente a colocación dun banco para suplir a unha varanda que por certo leva en mal estado bastante tempo.

Pola nosa banda “temos moi claro que a fórmula correcta é a seguida durante o mandato anterior, onde no canto de andar a publicar fotos bonitas e facer propaganda, traballabamos e mantiñamos os parques en perfectas condicións os 365 días do ano.”