Somos Ribadumia alerta sobre as xestións municipais de contratación de persoal para servizos sociais

O Colexio Oficial de Traballo Social pediu explicacións ao alcalde

Ribadumia | O estado dramático que atravesa o departamento de servizos sociais do noso concello, non so non mellora, senón que empeora, e faino gracias á lamentable xestión do equipo de goberno de David Castro. Á situación xa denunciada de abandono das instalacións, de perda de axudas económicas importantes e de inxerencias políticas na función do departamento ata puntos de puro populismo como a entrega a domicilio de material e alimentos por parte da concelleira da área, que nos levou a pedir a dimisión de Sofía Núñez, agora hai que sumar a mala xestión do persoal profesional, á hora de cubrir as baixas, tanto da traballadora social como do educador familiar.

No pasado pleno, que tivo lugar o 4 de marzo, o noso voceiro preguntou polo proceso de selección da persoa que está cubrindo a baixa da traballadora social. Tal como explica Oubiña, “o primeiro que respondeu a concelleira foi “non se puxo a dedo”, pero logo cando a concelleira de contas explicou o proceso resultou que contrariamente ao expresado por Sofía Núñez, si foi escollida de maneira directa, o cal ademais é ilegal”.

E non é algo que digamos dende Somos Ribadumia. Esta semana tivemos constancia de que o Colexio Oficial de Traballo Social presentou un escrito no concello preguntando por como se realizou a contratación desa persoa, que xa leva no concello dous meses. Non é unha cuestión menor. “A selección de todo o persoal, sexa funcionario ou laboral, debe realizarse de acordo coa oferta de emprego público, mediante convocatoria pública e a través do sistema de concurso, e cando corresponda oposición ou concurso-oposición libre nos que se garantan, en todo caso, os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, así como o de publicidade. Ningunha destes principios se cumpriu na contratación da persoa que suple á traballadora social”.

Mentiras e malas escusas
Ademais, a suposta urxencia de non paralizar o servizo nin un día – como se ao longo do ano non se deran períodos de varios días sen todo o persoal presente, ben por outras baixas ou vacacións- escusa coa que o goberno de David Castro xustificou no pleno esta contratación irregular, non se sostén, nin sequera co suposto dun caso concreto que segundo o goberno houbo que atender de urxencia pola falta da traballadora social, algo que ademais resultou ser unha falsidade.

“Si foi certo que ANTES de que a traballadora social caera de baixa, houbo un caso que o goberno local , a través – oh casualidade – da secretaria do alcalde, xestionou puenteando o departamento local de servizos sociais, e pedindo axuda aos servizos sociais doutros concellos da comarca, axuda que rematou logrando gracias a intercesión de Gonzalo Durán en Vilanova, algo que hoxe sabemos gracias ao entorno da propia familia afectada”. Pero se xa ese feito tal como aconteceu é grave polo que da a entender da xestión de David Castro, tamén resulta totalmente inaceptable como escusa. Non se pode de ningunha maneira nin con ningunha escusa xustificar unha actuación ilegal, algo que o alcalde e encirra en non entender, á vista destes feitos e doutros denunciados en días pasados.

A realidade, con todo, é que xa van dous meses dende que a traballadora social colleu baixa, e o proceso para cubrila de maneira correcta e, sobre todo, legal, non se realizou, estando ese posto cuberto por unha persoa designada a dedo, o cal coloca ao goberno local na ilegalidade. Se a iso sumamos que a praza de educador familiar tampouco se cubriu ,e que o departamento de servizos sociais está baixo mínimos, faise evidente unha vez máis que David Castro está totalmente desbordado polo goberno, e é incapaz de xestionar as cuestións máis sinxelas.

Dende Somos Ribadumia imos seguir moi de preto este asunto, por se fora preciso tomar outro tipo de medidas. Pero “o noso ánimo e construtivo, por iso pedimos a David Castro que se deixe de comportamentos infantís e de formatos políticos doutra época xa caducada, e asuma a xestión do concello atendendo a legalidade e aos principios de transparencia e igualdade imprescindibles na sociedade actual e que foron condición para que o apoiaramos no seu momento.

Ademais, non precisa da nosa axuda neste tema, o persoal municipal está perfectamente capacitado para xestionar correctamente as contratacións, e en caso necesario o propio Colexio de Traballo Social presta asesoramento e mesmo se ofrece a facilitar un modelo de bases de selección para facer un proceso garantista, público e transparente, que é como debe facerse, con máis razón nunha entidade pública”.