“Creo que é necesario un entendemento entre as forzas da esquerda”

Xulio Ferreiro | Alcalde da Coruña

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, está na metade da lexislatura, como todas as alcaldías de Galiza. O caso é que na Coruña xogan factores como unha igualdade en concelleiros entre Marea Atlántica e PP, denuncias a concelleiros por cuestións culturais e unha das grandes cidades galegas, couto desexado para todos os partidos clásicos e non tan clásicos. Quizais por todo isto, Xulio Ferreiro cre que o PP está a vingarse coa cidade herculina na súa persoa.

-Xa no ecuador da lexislatura, vostede anuncia que volvería presentarse á reelección para a alcaldía. Confírmao?
-Realmente foi a resposta a unha pregunta que me fixeron e que se tomou un pouco fóra de contexto. O caso é que, facendo unha reflexión, a un gustaríalle volverse presentar. Mais esa decisión tena que tomar a Marea Atlántica, pero o normal é que, se as cousas van razonablemente ben no primeiro mandato, poderíase intentar un segundo. Seguramente dous mandatos sexan o período abondo para que un proxecto de cidade se visibilice.

-Como lle vai ofrecer un balanzo positivo da actuación municipal á cidadanía, fronte ás afirmacións de determinados sectores sociais, económicos e políticos da cidade?
-Simplemente cun repaso a todo canto levamos feito na cidade. Polo de agora hai cousas importantes, temos asumido retos que estaban arrumbados desde hai tempo, como a construción da Área Metropolitana. Tamén cousas que seguramente non sexan tan visibles, como o propoñernos que non houbese verquidos incontrolados na Coruña e antes dos dous anos xa podemos presentar un balanzo positivo dese reto. Tamén existen outros instrumentos como a renda social, a recuperación da memoria histórica ou a dinamización cultural que está vivindo a cidade da Coruña. Penso que hai moitas cousas que se poden sinalar en positivo. Pero evidentemente gobernar doutro xeito sempre provoca conflito, por iso seguramente hai sectores económicos que sempre entenderon que nesta cidade o concello está ao seu servizo. Pois agora o concello está ao servizo da cidadanía.

-Teme que as políticas mediáticas acaben materializándose nunha resposta negativa nas eleccións locais?
-A ver, supoño que sempre haberá sectores da poboación máis permeables a iso ca outros. Afortunadamente estamos nunha sociedade plural, nunha sociedade que recebe inputs de moitos lugares ao mesmo tempo e de aí saen diversidade de opinións. Polo de agora a sensación na rúa e nas enquisas que se coñecen, é que esa diversidade existe.

-As obras para a avenida Alfonso Molina, poderase pechar esta cuestión antes do final da lexislatura?
-Espero que si, porque para nós xa está pechada desde hai un ano. Daquela chegaramos a un acordo co ministerio de Fomento. Nós fixemos o que era o noso traballo que era propoñer un proxecto de humanización para as marxes, e o ministeroi comprometérase a espoñer ao público o proxecto nun breve prazo de tempo. Ese prazo non sei se é breve ou non, pero é dun ano nestes momentos. O que non hai que facer é resolver un conflito, senón executar o acordo ao que chegamos hai un ano.

-Sobre as noticias que saen na prensa, por exemplo de pasos de peóns en mal estado, que pode dicir?
-Eu o que vin na prensa é un paso de peóns que non existe desde hai catro anos e restos de pintura branca. Se esa é toda a noticia, non hai moito que comentar. O que si creo é que hai unha cantidade grande de sinalización horizontal na cidade, ten un desgaste motivado polo tempo e que se repón pouco a pouco. Neste ano houbo unha reforma completa de pavimento e pintura en vinte pasos de peóns na cidade. No verán sempre hai unha campaña de repintado todos os anos. Isto faise no verán por cuestións climatolóxicas, por iso é normal que ao achegarse o verán poda estar desgastado. Tamén o programa “A pé de barrio”, leva un reforzo de pintura e sinalización horizontal. Pero eu penso que son incidentes menores e normais na vida dunha cidade que se solucionan e sempre haberá alguén que eleve a anédota a outra categoría.

-Sobre os terreos xunto ao mar que se pretendían privatizar e edificar, cal é a situación?
-En impás, en negociación aberta con Puertos del Estado e coa Autoridade Portuaria da Coruña. O primeiro paso que era a venda da solana, conseguiuse suspender desde o marco desas negociacións. Agora o que queremos é darlle unha solución global a todos os terreos, tanto Solana, Fisterra, Batería, Calvo Sotelo e San Diego. Buscamos renegociar os convenios e asegurarnos tanto a xestión como a titularidade pública deses terreos. Ademais, que se podan integrar urbanisticamente na cidade dun xeito ordenado e que poidan seguir sendo pulmón produtivo da cidade.

-Hai unhas declaracións súas nas que di “Núñez Feixoo castiga ás cidades que non lle votan”. Cre que están preocupados dentro do PP como para pensaren na perda de voto urbano?
-O certo é que das sete grandes cidades galegas, o PP só goberna nunha e con dificultades abondo. Iso é o que lle preocupa ao PP neste momento. Mesmo desde o día seguinte ás eleccións autonómicas, levan seguido en campaña para as municipais, polo menos na Coruña.

-Cal sería o remorso que ten Feixoo coa Coruña?
-O que non lle gustou ao PP foi perder as principais alcaldías galegas, máis as tres da provincia da Coruña. Entendo que están molestos con iso. Antes concello e Xunta poñían proxectos en marcha de maneira conxunta, agora a situación dos proxectos na cidade que dependen da Xunta de Galicia, no mellor dos casos van lentos cando non están parados. E os orzamentos xerais do Estado din o que din tamén, non hai investimento na Coruña. Esta non é unha sensación miña, senón que a comparto co resto dos alcaldes de Galicia cando falo con eles.

-Tamén son súas declaracións sobre que a lista máis votada non sexa quen leve o timón da Marea, cal sería o motivo segundo vostede para que isto ocorrese así?
-Ben, sobre este tema xa falei o que tiña que falar, dei a miña opinión enon teño nada novo que aportar.

-Non cre que iso serían argumentos para a oposición e dicir que as candidaturas cidadás están rompendo?
-Na Coruña A Marea Atlántica e o goberno local teñen moi boa saúde. En Marea ten un salto de escala territorial, isto fai que as cousas sexan diferentes.

-Cal é a valoración que fai de Luis Villares tanto como voceiro de En Marea como voceiro parlamentario?
-Unha valoración axeitada creo, que é a encomenda que tivo nas urnas de ser a cabeza visible da oposición.

-O feito de viren os dous, Villares e vostede, do mundo do Dereito, dálle un xeito especial á súa maneira de facer política?
-Non se trata tanto de onde vén un. Outros alcaldes da Coruña viñeron tamén do mundo do Dereito e eran diferentes a min. Se non me equivoco o presidente da Xunta tamén vén do mundo do Dereito, pero temos estilos e formas diferentes de entender a política.

-Considera factible unha grande coalición de partidos para botar o PP da Xunta?
-Non sei se unha coalición electoral é o camiño, creo que as cousas están moi verdes para pensar niso. Si creo que tanto nas cidades como na Xunta, como no goberno de Madrid, é necesario un entendemento entre as forzas de esquerda. Agora mesmo non creo que haxa unha forza que sexa absolutamente hexemónica na esquerda. É evidente que ten que haber certa rivalidade entre as forzas de esquerda, pero creo que co horizonte de que o inimigo está diante, é o PP. E para levar ás institucións políticas diferentes hai que tecer alianzas.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.