“Shopping Night” para promover o comercio local porriñés

A segunda edición está en marcha entre o Concello e os comerciantes

O Porriño | En resposta ao éxito acadado na última edición e á demanda dos propios comerciantes de continuar coa iniciativa noutra época do ano, o Concello do Porriño ten programada unha nova shopping night. “A alta participación na última edición fíxonos pensar en que volver a repetila agora, coincidindo co mes festivo por excelencia da nosa vila, sería unha boa oportunidade, como un novo impulso ao noso comercio, á vez que funciona tamén como atractivo de visitantes”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo.

É por este motivo, polo cal dende o Concello do Porriño convidan a todo o comercio do municipio a unha xuntanza o vindeiro martes, 26 de agosto, ás 21.00 horas, na casa consistorial. “Querémoslle trasladar a nosa proposta para avaliar as súas reaccións, á vez que escoitaremos as súas propostas, ben sexa respecto deste evento ou doutros posibles que poidan xurdir, todo elo en beneficio da nosa vila e de empuxe do comercio como motor económico”, subliña o rexedor. Será un encontro coa intención de establecer un feedback entre o Concello e o colectivo de comerciantes, escoitando as súas demandas de cara a poder seguir traballando nesta liña de avance e de colaboración.

“O obxectivo é continuar fortalecendo o vínculo entre o Concello e o tecido comercial, afondando nun traballo conxunto que permita desenvolver novas iniciativas que poñan en valor o noso comercio de proximidade”, sinala a concelleira de Comercio, Rosa Isabel Alonso. A edil explica que a shopping night naceu dentro da Fashion Weekend, que se leva celebrando os últimos tres anos no mes de abril. “A resposta sempre foi moi boa e de aí que consideremos un momento idóneo volver celebrala agora en setembro, coincidindo coas Festas do Cristo, como un atractivo máis tanto para veciños como para visitantes”.

Será unha noite na que os establecementos comerciais da vila abrirán as súas portas en horario especial, dende as 21.00 horas ata a medianoite, ofrecendo propostas dinamizadoras, descontos, sorteos, agasallos e moitas sorpresas, e onde tampouco faltará a música para amenizar as compras.

“Dende o Concello somos conscientes da importancia que ten o comercio local na dinamización económica e social do Porriño, por iso apostamos decididamente por seguir promovendo accións que lle dean visibilidade, que aumenten a súa competitividade e que o convertan nun motor de atracción de persoas á nosa vila”, incide o alcalde.

A través desta e doutras propostas, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso de apoio continuo ao sector, escoitando as súas necesidades e propoñendo solucións reais que contribúan ao seu crecemento. “Queremos que O Porriño sexa un referente, non só polas súas festas e eventos, senón tamén pola vitalidade e calidade do seu comercio local”, conclúe Alejandro Lorenzo.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.