
Salceda de Caselas | A Asociación de Comerciantes e Industriais de Salceda de Caselas (ACISA), bota a andar unha nova etapa da man de sete mulleres que decidiron dar un paso adiante a poñerse ao fronte da asociación. A nova directiva quixo antes de nada reunirse coa Alcaldesa, Loli Castiñeira, e a Concelleira de Comercio, Selene González, para traballar conxuntamente nas novas iniciativas, fomentando unha vez máis a colaboración entre Concello e asociación.
Marga Soto, Presidenta de ACISA, destacou que “empezamos esta andaina con ilusión e ganas de impulsar o comercio, a industria e a hostalería de Salceda nestes tempos nos que as compras on line poñen en serio perigo a supervivencia do pequeno comercio”.
Directiva e Concello coinciden en que un pobo con comercio é un pobo vivo, polo que pretenden fomentar de maneira conxunta campañas como a de San Valentín, Entroido, Día do pai/nai, etc, pero tamén outras iniciativas como a feira do libro, as feiras de oportunidades, ou a participación de ACISA nos eventos municipais como a Corre X Salceda, a San Silvestre ou o concurso de escaparates de Nadal.
A nova directiva pretende traer propostas atractivas e novidosas para o agrado de tódolos públicos e amósanse dende o primeiro momento abertas a escoitar as propostas e suxestións de todo o comercio, para tentar ofrecer actividades e campañas de interese. Ademais queren botar a andar proxectos de colaboración cos centros educativos do municipio, abrindo a posibilidade de participar en campañas como a das Letras Galegas ou outras ao longo do ano.
A Alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, quixo agradecer o traballo feito pola directiva anterior, presentando esta como “unha nova etapa que se abre cargada de ilusión, comunicación e traballo a prol do comercio local, tan importante para Salceda”. A Alcaldesa trasladoulle así mesmo á nova directiva que o equipo de goberno ao completo se pon á súa disposición para traballar dun xeito transversal e para conseguir os mellores éxitos para o comercio local, e polo tanto para Salceda.




