Sentidiño fronte á toxicidade da política madrileña.

Se ollamos a prensa de Madrid semella que existe traizón ao Estado ao longo e largo das Españas. Semella tamén que rexurdiu aquela vea do romance de cabaleirías castelán adxectivando ao leste e ao solpor os comportamentos dos políticos que alicerzaron o pacto de investidura no Congreso estatal.

“Felonía” ou “abyección” son verbas caducas que enchen as pantallas dos distintos dixitais mentres Núñez Feijóo mércalle a axenda a Abascal e Abascal, blindado pola Fundación Denaes e outras entidades extremistas, abanea entre a marcha manifestante a Roma de Mussolini (outubro de 1922) e o seu discurso supremacista e negacionista da igualdade de xénero, da plurinacionalidade do Estado, do europeísmo, da igualdade de todos e todas e das liberdades.

Veñen, pois, as eleccións nacionais galegas nas que o bloque de dereita extremada e extrema dereita de Núñez Feijóo e Abascal queren seguer a falar do seu. E o seu é o balbordo de ruada e de deslexitimación dos resultados electorais e, no caso galego, a substitución da axenda galega do 2024 pola axenda desta dereita extremada e extrema dereita españolas que hoxendía repenica as doutrinas de Vox.

“Veñen, pois, as eleccións nacionais galegas nas que o bloque de dereita extremada e extrema dereita de Núñez Feijóo e Abascal queren seguer a falar do seu”

Mais a ampla maioria da nosa cidadanía galega non gosta destes balbordos, destes rebumbios, destes extremismos, senón que está pola educación e as boas formas, polas liberdades, polo progreso económico sostíbel e por atender aos grandes retos que vai enfrontar Galicia no próximo futuro. Núñez Feijóo pensa que pode levar a vindeira campaña electoral galega á amnistía e á “traizón” de Sánchez amosando, deste xeito, ter esquecido moitas das eleccións que aprendeu nos trece anos da súa presidencia.

Velaí que esta vindeira elección nacional galega ha ser a do debate entre a Galicia moderna, activa, autónoma e autoxestionada, que olla dende o autoaprezo cara ao desenvolvemento sostíbel, o benestar e o dereito a ser e decidir e a Galicia da continuidade e do continuísmo, da dependencia política, económica, enerxética, alimentaria, cultural e lingüística, do estancamento, da falla de incentivos e do conformismo.

Se Rueda, na súa adhesión feijoniana, quere repenicar a toxicidade da política madrileña nesta vindeira andaina electoral vaise atopar co sentidiño de centos de milleiros, mentres ha deixar na incomprensión os milleiros dos seus votantes que acreditan que as eleccións galegas son para falar, na marxe dos modos e maneiras democráticas que tan ben coñece o noso pobo, das angueiras, problemas, oportunidades, feblezas e fortalezas deste noso País.

Cómpre termos axiña unha de reposto.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.