Sen perder o horizonte.

Claro que nos tempos que corren todos temos máis preguntas que respostas. Chega con mirar nos que mandan neste mundo. Son “pirados” que só con velos, e ver o que fan, escandalizan a razón e calquera tipo de intelixencia. Estamos desexosos de que nos saquen desta realidade perversa, tan chea de ameazas, que tende ao desastre. Buscamos asilo e acougo.

Con eles todo o mundo está exiliado. Tampouco queremos que nos rouben a nosa historia, como pretenden. Nin que nos fagan sentir o medo do odio encarnizado. Onde se nos quedou a liberdade, senón na manipulación dos nosos pensamentos críticos e nas redes e medios de manipulación perversos, na barbarie de enquisas e dos números, na voz de especialistas e sabidos que atenden subvencións e pagos por detrás,. das taxas e resultados favorables que ofrecen sen pudor sabendo que son mentira e enganos moi ben pensados para compracer á galería. Non, non nos fiamos das campañas de lavado e laminado de cerebros. Coméronnos a figura a agora vémonos diante do espello, desvalidos e faltos de apoio. Debemos arredar deles, volver a recuperar a vontade perdida, soltarnos da súa droga infinita, desa sede imposible que os “empoleira”. Anque tan só sexa por unha elemental responsabilidade histórica e por non deixar que nos manipulen e leven a onde queren, a esa mansedume dos silencios.

“Moitos recorreran á neutralidade, a esa indisposición que quere manterse á marxe, deixando facer a outros”

Moitos recorreran á neutralidade, a esa indisposición que quere manterse á marxe, deixando facer a outros ou deixándose levar a onde decidan outros, moito máis hábiles. Mais as institucións e os dereitos non son neutrais, non existe unha equidistancia entre quen agride e quen resulta agredido. Non, non é o mesmo aquela persoa que manipula e aquela que, incautamente, se deixa manipular. Non, non é o mesmo aquela persoa que incide sobre aqueloutra incidida. Os servizos públicos non son neutrais porque hai que defender, si ou si, valores que ameazan a mesma democracia se está, como está, tan restrinxida e adulterada.

Debemos resistir nos dereitos e na razón. A sociedade non pode nin debe permitirse ser neutral e equidistante nos casos dramáticos que acontecen, nas guerras que a totalidade de nós sabemos inxustas e ofensivas á condición humana responsable. Non podemos perder o lugar da liberdade e da liberdade tamén do noso discurso, aínda sabendo que haberá quen o mal interprete e semente unha dose decepcionante da nosa reflexión. Non debemos deixarnos engaiolar polos “pirados” de sempre, transgresores de calquera lei. Debemos regresar ao compromiso, á defensa dun mundo mellor e máis xusto, máis proporcionado. Debemos volver a ese mundo que nos resolva as preguntas que constantemente temos e que nos facemos e, ao mesmo tempo, que comprenda os problemas da totalidade, sobre todo daqueles que menos poden e menos teñen.

Mestre e músico.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.