Seis colexios participarán no programa de educación ambiental proposto polo Concello

Monforte de Lemos | Representantes dos colexios da cidade reuníronse esta mañá co técnico de Medio Ambiente, Juan Carlos Prado, para coñecer o proxecto de educación medio ambiental, deseñado pola concellería, no que se recollen diferentes actividades a desenvolver nos centros educativos durante o presente curso escolar.
O técnico escusou a ausencia do concelleiro, Antonino Luaces, que debido a imprevistos de última hora non puido asistir á reunión, e deulles conta do programa de actividades relacionado con prácticas medio ambientais positivas.
Os/as responsables dos colexios amosaron a mellor disposición para levar a cabo estas actividades e puxeron data á correspondente ó mes de novembro, quedando pendentes de concretar as dos meses de febreiro, marzo e abril do 2013, debido ás posibles variacións coa celebración de festas como o entroido ou Semana Santa.
Os días 20 e 21 de novembro son as datas elixidas para desenvolver a primeira das actividades que, baixo o título de “As tres RRR”, ocuparase da reciclaxe, a redución e a reutilización. A actividade, destinada ó alumnado de primeiro ciclo de primaria, terá dúas horas de duración e comprenderá unha parte teórica, outra práctica e outra reflexiva, sendo impartida por seis monitores e dous coordinadores, todos eles estudantes do campus de Lugo. O día 20 realizarase a actividade nos colexios CEIP Monforte de Lemos, Ferroviario e Torre de Lemos, mentres que o día 21 será a quenda para Escolapios, A Gándara e Infanta Elena.
A regra das tres RRR é moi famosa, pero non todo o mundo a coñece a pesares da súa importancia, xa que a súa aplicación reduce significativamente a cantidade de lixo que almacenamos nos vertedoiros.
O desenvolvemento da actividade comezará coa distribución dun artigo de prensa sobre a produción de lixo e a reciclaxe do mesmo. Este artigo dará pé a iniciar un debate sobre o tema e a recabar a opinión do alumnado. Nesta conversa ofreceránselle datos sobre a cantidade de lixo que producimos en Monforte para que vexan dunha forma máis cercana o problema do que se está falando. A actividade, na que participarán 280 rapaces e rapazas, rematará cun taller de reciclaxe.
No mes de febreiro, e tamén para o primeiro ciclo de primaria, desenvolverase a actividade “Pegada ecolóxica”, en marzo será o alumnado de 6º curso o que participe en actividades relacionadas co día da árbore e, no mes de abril, estudantes de 5 ª curso participarán na actividade “Herbario parques e xardíns”.
Os obxectivos das actividades propostas pola concellería de Medio Ambiente son:
– Sensibilizar e concienciar ós/ás escolares cara ó medio ambiente
– Recoñecer as zonas naturais locais
– Desenvolver hábitos de reciclado, redución e reutilización.
– Promover valores de respecto, coidado e protección do medio
A proposta pretende achegar ó alumnado dos seis centros participantes unha visión real e sensata sobre o estado do noso planeta e plantear que o coidado, protección e mantemento do medioambiente local produce un cambio global.