Salvaterra de Miño | A Consellería de Economía e Industria ven de comunicar ó Concello de Salvaterra de Miño a concesión dunha subvención de preto de 120.000 euros, dun proxecto de case 150.000 euros, a través das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia co fin de mellorar o acceso ó Polígono Industrial Chan da Ponte.
Chan da Ponte ten unha superficie de 275.000 m² e unha superficie neta industrial de 156.111 m², e conta cunha ocupación do 83% cun total de 40 empresas desenvolvendo a súa actividade.
Este Polígono entrou en funcionamento no ano 1999 e na actualidade presenta unha serie de deficiencias no seu acceso que precisan unha solución, debido en gran medida ó intenso tráfico de vehículos que acelera notablemente o deterioro superficial dos firmes e que ó mesmo tempo demanda melloras ou correccións para aumentar a seguridade, sobre todo dos peóns, xa que carece de beirarrúas.
As actuacións a realizar consisten na mellora do firme no acceso ó Polígono e de dous viais internos, ademais da construción de dous tramos de beirarrúa de formigón en cor e a colocación de bolardos, co fin de mellorar a seguridade dos peóns, especiamente nenos e nenas que se desprazan andando ó IES Salvaterra de Miño. Ademais tamén se executarán melloras en canto ó drenaxe de augas pluviais.