
Mos | O Concello de Mos consolida o seu modelo de participación cidadá a través de “Mos Decide” tralo éxito da súa primeira edición e avanza xa no segundo proceso de orzamentos participativos, que dará comezo en febreiro coa apertura do prazo de inscrición para que as entidades cidadás do municipio poidan formar parte activa desta iniciativa.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que “Mos Decide é unha ferramenta de democracia participativa que demostrou a súa utilidade, porque permite que a cidadanía e o tecido asociativo formen parte activa da xestión municipal e da toma de decisións que afectan ao seu día a día”. Como primeiro paso desta nova edición, no mes de febreiro abrirase o prazo para que todas as entidades do Concello de Mos poidan inscribirse e participar no proceso, garantindo unha participación ampla, plural e representativa do conxunto do municipio.
Dentro destas entidades, poden inscribirse as comunidades de montes, as traídas de augas, asociacións veciñais e culturais, as asociacións de nais e pais de alumnos, os clubes deportivos, as comisións de festas, mulleres rurais e asociacións de empresarios, hostaleiros e comerciantes.
Cara a un modelo estable de participación cidadá
De maneira paralela, o Concello de Mos traballa na aprobación do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá, que se pretende levar a pleno e que permitirá estruturar e consolidar este modelo participativo, reforzando a integración da veciñanza e das entidades cidadás na xestión municipal.
“O noso obxectivo é seguir avanzando cara a un concello máis aberto, transparente e próximo, no que a participación cidadá sexa unha parte estrutural da acción de goberno”, concluíu a alcaldesa.
Este novo paso adiante estruturase, basicamente, a través dos seguintes órganos:
– Agrupacións de entidades cidadás rexistradas.
– Consellos sectoriais, constituídos segundo as distintas áreas de xestión municipal.
– Consello Xeral de Participación Cidadá (no que están representados os cinco Consellos Sectoriais e as Agrupacións de Entidades Cidadás Rexistradas asociadas a cada un deles).
– Consello de Presupostos Participativos (no que, da mesma maneira que no Consello Xeral de Participación Cidadá. Terán cabida tanto os cinco Consellos Sectoriais como as Agrupacións de Entidades Cidadás Rexistradas, asociadas a cada un deles).
Un proceso avalado polos datos da pasada edición
A primeira edición de “Mos Decide” contou cunha elevada resposta cidadá. Durante a fase de presentación de propostas, recolléronse un total de 807. Trala fase de análise e valoración técnica, 674 propostas foron declaradas válidas, agrupándose en 115 diferentes, das cales 11 iniciativas resultaron seleccionadas para pasar á fase final de votación cidadá.
Durante a fase de análise, o comité técnico avaliou todas as iniciativas en base a criterios obxectivos de viabilidade técnica, legal e económica, así como á súa competencia municipal directa, quedando excluídas aquelas propostas que non cumprían cos requisitos establecidos nas bases do proceso. Na votación final foi o proxecto de “Mellora no campo de fútbol de Louredo” a iniciativa con maior número de votos, polo que este proxecto vai ser executado durante este ano 2026.




