
Larouco | “O Concello de Larouco conta desde de hoxe cun espazo rehabilitado que integra usos lúdicos, de ocio e culturais que poden gozar tanto os visitantes deste concello ourensán como a poboación residente”. Así o puxo de manifesto hoxe o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, na inauguración da área rehabilitada nas antigas escolas de Seadur, un espazo público rexenerado con criterios ecolóxicos e sociais que pon en valor os recursos naturais e sociais do municipio.
Merelles saliantou a satisfacción do Goberno galego á hora de acometer actuacións coma a executada en Larouco que ademais de incrementar o interese turístico deste concello entre os visitantes, tamén supón un espazo para o encontro da cidadanía.
“En xeral, a provincia de Ourense é un destino atractivo para o visitante, tal e como demostra o feito de que de xaneiro a setembro, os visitantes internacionais incrementáronse un 5% con respecto ao mesmo período de 2024”, afirmou ao tempo que engadiu que veñen interesados na paisaxe, na oferta de turismo rural e tamén no enoturismo.
Ademais, Xosé Merelles animou a facer uso destas instalacións para promover outros recursos turísticos da comarca como é o enoturismo e a promoción da gastronomía, celebrando nel encontros e eventos que poñan en valor este destino.
As actuacións realizadas nesta contorna permitiron crear un espazo público verde híbrido, que integra usos lúdicos, de descanso e culturais, realizándose melloras no interior do edificio, no espazo público e na contorna natural. “O resultado foi a creación dun espazo multiusos para a estancia e actividades de distinto tipo, entre elas as sociais e culturais”, asegurou o director de Turismo.
Ademais, creouse un xardín multixeneracional no acceso con vexetación e mobiliario para público infantil e de diferentes idades, integráronse distintos elementos vexetais e outras especies e engadíronse zonas de plantado nos pavimentos duros existentes. O espazo multiusos conta cunha estrutura de madeira tipo pérgola, con 7 pilares dobres en forma de V conectados co centro veciñal con mobiliario a medida.
A rehabilitación incluiu tamén a creación dunha praza cultural con grada-mirador e cine con mobiliario a medida con tumbonas para contemplar a paisaxe, plataformas para descansar e gradas para eventos como proxeccións ou representacións. Tamén se actuou na ladeira sudeste creándose un paseo nunha contorna natural con especies autóctonas. Turismo de Galicia investiu nesta actuación máis de cen mil euros.




