“As historias dos personaxes teñen un pouco de min”

Pati Janeiro | Escritora

 

Pati Janeiro (Compostela) vén de presentar a súa última novela Rueiro da Cidade Escura, un percorrido por unha Compostela sen luz, onde ninguén lle dá explicación ao fenómeno mentres que dentro desa escuridade aparecen historias que ninguén se atrevía a contar mentres había luz. Este é o seu cuarto traballo logo de títulos como Caixa de Mistos, A Perspectiva detrás da Porta e Manual Básico de Hostalaría.

Lidos outros traballos teus diríase que es moi eclética escollendo os teus temas e estilos. Pasaches por unha experiencia semellante á que narras en “Rueiro da Cidade Escura”?
Cando se me ocorre unha hitoria tiro do fío da mesma logo os temas que hai detrás van saíndo. E non, nunca vivín unha falta de luz como a que conto. Mais as historias dos personaxes teñen un pouco de min. Máis que experiencias concretas, son maneiras de reaccionar pensando en como reaccionaría eu pensando en se estivese nunha situación semellante.

Como reaccionarías se che pasase a ti?
Pois probablemente pensaría o que pensan algúns personaxes, que era o mesmo ca min hai dez anos cando comecei a escribir a novela, que Fenosa cortou a luz. Iso pasoume un par de veces cando tiña traballos máis precarios e de aí saiu parte da idea. Agora non sei como reaccionaría, supoño que asegurándome que a miña familia máis cercana estaba ben. Coller os “bártulos” e irme co meu neno e o meu marido á casa da miña nai, probablemente.

Dis que comezaches a escribir esta novela hai dez anos. Pasou moito tempo entre o último borrador e a versión final?
Non pasou tanto tempo. Cando remato algo gústame cambiar algunhas cousas, mais con este traballo si que houbo moitos cambios. O primeiro borrador deillo a dúas persoas para ler, que me deran a súa opinión, logo deille outra volta e si podo dicir que esta novela si é un traballo máis elaborado.

Como sentiches a receptividade que accederon a publicar.
Foi Paco Macías, de Positivas, pois desde a Perspectiva detrás da Porta sempre lle levo todo a el. A primeira vez que quedou comigo para falarmos desta novela dixo “aprendiches a escribir”. Algo que me chocou logo de dúas novelas anteriores. Logo matizou e dixo que madurara como autora.

Cada capítulo leva a cita dunha canción. Cantar é unha maneira de espantar o medo á escuridade?
Non o pensara así, mais cando escribo é certo que mentres escribo escoito música. Ás veces acaba a cara do disco ou acaba o reprodutor e na miña cabeza seguen soando cancións. Iso foi o que me pasou escribindo este libro e así decidín introducilas no libro como títulos, porque pensei que tiñan unha conexión co libro. Si é certo que ao comezo da novela, unha das personaxes para non ter medo da escuridade, vai cantando, así que tirando dese fío, tamén ten sentido que haxa tanta música na novela.

Estes temas son un percorrido polas túas preferencias ou son unha maneira de que os máis novos se acheguen a ritmos que ao mellor non coñecen?
Basicamente son preferencias miñas, cousas que me gustan. Mesmo ao comezo da novela hai unha ligazón para quen non as coñeza poda escoitalas mentres len.

Haberá algo especial durante as presentacións que fagas do libro?
Pois algo haberá. Non quero contar moito porque estamos dándolle voltas. Si direi que virá Diego Ameixeiras, co que estou moi orgullosa, porque nos lemos mutuamente desde hai anos e tamén estará Paco Macías, o editor.

Que rueiro tivo esta novela?
Empecei, parei e tamén houbo pausas de meses polo medio, mais tampouco é que me levase moito tempo facelo. Si que estivo parado porque tiven outras cousas que facer nese momento, tamén moita reescritura e moita planificación, porque ten moitos personaxes, cuestión de raccord para que todo tivese sentido.