Santiago Lopo gañou o Premio Antón Losada Diéguez

Na categoría de investigación foi para Roberto Mera

Boborás | Entregáronse os galardóns do XXXVII Premio Antón Losada Diéguez no Pazo de Moldes, Boborás, na que fora a casa natal dunha das figuras centrais da historia do galeguismo.

O certame o convocan anualmente os concellos de Boborás e O Carballiño, co patrocinio da Deputación de Ourense. Conta coa dotación máis alta dun premio literario en Galicia: 12.000 euros distribuídos a partes iguais en dúas categorías: creación literaria e investigación e ensaio.

Entregáronse os premios correspondentes ás edicións de 2022 e 2020, esta última estaba pendente de celebrar como consecuencia da pandemia.

Premios de 2022
Polo que respecta á edición da 2022, o xurado elixiu por unanimidade a novela de Santiago Lopo, “A carteira”, editada por Xerais, como gañadora na categoría de creación literaria.

Denuncia social, humor e unha narrativa áxil e dinámica que favorece a lectura foron algunhas das consideracións realizadas polo xurado sobre esta obra. En investigación e ensaio, o xurado decantouse polo traballo titulado “Alejandro Viana”.

Un galego a fronte do rescate dos refuxiados republicanos, editado por Belagua Ediciones y Comunicación. O seu autor, Roberto Mera, sobriño e neto do protagonista, recupera a figura deste industrial e político que galego que axudou a escapar a máis de 17.000 persoas da represión da ditadura franquista.

Galardóns de 2020
Debido ás medidas sanitarias adoptadas como consecuencia da pandemia aínda estaban pendentes de entrega os premios correspondentes á edición de 2020, cuxos gañadores recibiron as súas distincións este ano.

Trátase de Eduard Velasco, pola obra Os días felices de Benvido Seixas, editada por Xerais, no apartado de creación literaria. O xurado considerou que o escritor ofrece “unha novela ben estruturada na que participan personaxes moi traballados, cun ton humorístico logrado, que evita as modas e onde se contan as peripecias con frescura”.

No apartado de investigación e ensaio o premio foi para Camilo Nogueira polo traballo Unha nación no mundo. A razón resistente (1480-2010), tamén publicada por Xerais.

O ensaio, declarou entón o xurado, “é o derradeiro elo dunha triloxía dedicada a Galicia como nación no mundo, nunha interpretación suxestiva que se basea nun importante coñecemento e reflexión da Galicia dos últimos cinco séculos”.