“Eu non pertenzo a ninguén“. Así expresaba Yolanda Díaz o seu leitmotiv para presentar ‘en sociedade’ a súa candidatura para liderar o seu partido Sumar de cara ás vindeiras eleccións xerais. Tras meses de intensos (e tensos) contactos e negociacións, a vicepresidenta segunda e ministra do Traballo finalmente marcaba distancias con aqueles que, como Pablo Iglesias e Unidas Podemos (UP), agardaba “sumar” como apoios para o seu proxecto electoral.
Unha candidatura que, cando menos en apariencia, fragmenta o espazo da esquerda coas eleccións xerais á volta da esquina. Unha opción electoral, a de Díaz, tantas veces anunciada e que tamén rompe a baralla política con vistas ao futuro do goberno de coalición na Moncloa.
Días antes da oficialización da candidatura de Yolanda Díaz, e a miles de quilómetros de distancia, o presidente de goberno Pedro Sánchez visitaba China para reunirse coas máximas autoridades da que actualmente é a principal potencia global rivalizando con EE.UU. En Beijing, Sánchez viuse co presidente Xi Jinping; co primeiro ministro Li Qiang; e co presidente da Asemblea Nacional Popular, Zhao Leji. Un dato: en 2022, China converteuse no cuarto socio comercial español.
A visita era clave xa que, co plan de paz chinés para Ucraína exposto durante a visita de Xi a Putin días antes, o presidente chinés pretendía atraer a Sánchez a través dunha toma de contacto co líder que presidirá a Unión Europea (UE) a partir do vindeiro 1º de xullo e durante o segundo semestre de 2023. Aproveitando que a visita conmemoraba o 50º aniversario do inicio das relacións diplomáticas sino-españolas así como o desenvolvemento do Ano Dual 2023 da Cultura e do Turismo entre ámbolos dous países, Sánchez instou a Xi a realizar unha xuntanza co presidente ucraíno Volodymir Zelenski. E declarou: “hai quen da por sentado que o século XXI será de fragmentación, de tensións bélicas e de división entre bloques. Nós pensamos que esa deriva non beneficiaría a ninguén”.
Na presentación da súa candidatura, Yolanda Díaz deixou claro que aspira a ser “a primeira muller presidenta do goberno de España”. Visto dende unha perspectiva global, e tomando en conta as respectivas declaracións de Yolanda Díaz durante a presentación da súa candidatura e as de Sánchez en Beijing, apréciase que o presidente de goberno navega en augas turbulentas tanto na política interna como na exterior. Nesas augas precisa de consensos, de equilibrios e de asegurar pactos para manter en pe un goberno de coalición ‘cercado’ dende diversas bandas. E tamén require deses equilibrios para fortalecer eixes multilaterais a nivel internacional, neste caso achegando o seu grao de area para mediar entre China e EE.UU nun mundo que observa cada vez máis unha deriva bélica e armamentista.
“(Sánchez) navega en augas turbulentas tanto na política interna como na exterior (…) precisa de consensos, de equilibrios e de asegurar pactos”
Toda vez asumíase como un ‘fait accompli’, no PSOE non deixan de calcular en que medida influirá a candidatura de Yolanda Díaz para o futuro dunha coalición na que seguen a depender de UP como socio de goberno ademais doutros apois (Bildu, ERC) Se ben non se albisca unha ruptura desa coalición, fálase nos predios mediáticos de posible desgaste interno, agora intensificados ante a fragmentación política e electoral propulsada pola opción de Díaz e Sumar co respecto a UP.
Así mesmo, Sánchez deberá medir equilibrios igualmente vertixinosos no plano exterior. A súa opción ‘atlantista’ escenificada no cumio da OTAN de mediados de 2022 vese agora contemporizada por esta visita a Xi en Beijing. Madrid sabe que o epicentro do poder global deste século xógase nas turbulentas augas de Asia-Pacífico, e que China é o actor preponderante neste pulso con EE.UU e os seus aliados.
A dobre ecuación, interna e externa, que debe calcular Sánchez neste novo contexto aborda interrogantes de calado electoral e de cariz xeopolítico: reportaralle beneficios electorais esta visita a Xi? Como ve Biden este súbito affaire oriental de Sánchez? Asumida a súa independencia política, será agora Yolanda e non UP a ‘compañeira de baile’ de Sánchez nestes novos ‘amoríos políticos’ na Moncloa? Ou terá finalmente Sánchez a capacidade política para erixirse como o árbitro capacitado para definir os termos dunha ‘nova coalición’ vía Sumar-UP? Poderá tamén Sánchez liderar na UE unha opción de paz para Ucraína contando co aval chinés e quizáis estadounidense? Neste 2023 electoral, o presidente de goberno asume os seus momentos máis decisivos na Moncloa.