Sánchez resiste.

Por Manuel Herminio Iglesias

Como acontece en case todas as eleccións, os resultados obrigan a tomar decisións, pois chega o momento de dixerir o que dixeron os cidadáns e comenza a análise dos pros e contras do que se fixo no proceso electoral. Polo que saen á luz as debilidades, intereses partidarios e individuais que viven dentro das formacións políticas que se confrontaron o nove de xuño.

Os resultados das eleccións europeas amosaron que os conservadores gañan espazo electoral, mentres no noso Estado os socialistas resisten. Xa nesta terra, o BNG coloca un escano compartido, o que implica que non é totalmente propio, en Bruxelas e lembra os tempos de Camilo Nogueira cando este tivo un escano propio. Por outro lado, a galega Yolanda Díaz presenta a dimisión como líder do proxecto Sumar, formación que non acaba de facerse un oco na política do Estado.

Mais o primeiro dato que hai que ter en conta é o referido á participación da cidadanía, pois non chegou ó 50 por cen do censo de votantes. E por moito argumento e comparación con outros resultados habidos nas Europeas, estás eleccións son un fracaso colectivo. E neste caso teñen moita culpa as formacións políticas porque centraron a campaña en non falar do programa electoral e si en asuntos persoais e insultos de corrupción, todo elo evitando a toda costa contar o que se coce no Parlamento Europeo e as decisións, que en forma de directivas saen del e que obrigan a todos os países membros.

Neste senso a postura dos populares e os grupos da extrema dereita foron os que máis se aferraron a centrar a campaña en asuntos que nada tiñan que ver co que realmente se coce lonxe das nosas fronteiras. Foron os que máis tentaron agochar, intencionadamente, o que ali se fai e non falar das propostas que se levaban. Todo eso axudou a que moita xente non valorara esta campaña e se animara a ir a votar.

Esa pode ser a primeira e máis importante causa de tanta abstención. Con todo os partidos con forte implantación resistiron ben os embates da extrema dereita. O populismo, que sempre pon sobor da mesa solucións drásticas e moi sinxelas, axudou a que moitos cidadáns presos da xenreira e faltos dunha mínima análise con racionalidade, optara por formacións que nin presentaron un programa de principios. Sí que anunciaron barbaridades e mandaron moitos insultos, sabedores de que moito do que din é imposibel facelo.

“Vendo con certa frialdade o que saíu destes comicios pódese deducir que o PP gañou, pero non tivo os resultados que esperaba; e que o PSOE resiste ben”

Mais vendo con certa frialdade o que saíu destes comicios pódese deducir que o PP gañou, pero non tivo os resultados que esperaba; e que o PSOE resiste ben, polo que as cousas quedan case como estaban a nivel de Estado.

No tocante a Galicia o PP sigue moi rexo e o BNG acada media representación e Bruxelas cuestión que, como mencionei ó comenzo, non é menor, mais non é satisfactoria. Con todo nesta terra as cousas seguirán sen que ningún grupo político da oposición lle tusa ós populares. Cuestión que debían analizar dende o BNG, pois aínda que, segundo o resultado acadado mellorou algo, o teito electoral semella difícil de rachar. E polo tanto tocar poder no futuro parece unha meta moi incerta.

Conclusión: O bipartidismo segue forte no Estado e seguimos á espera do que aconteza en Cataluña que non pinta nada ben. Polo que é moi posibel unha repetición electoral. En fin, esperemos acontecementos que seguro pode haber sorpresas.