Salvaterra, referente do Viño Espumoso

Coa celebración da XI edición da Festa do Espumoso Galego do 5 ao 7 de decembro

Salvaterra de Miño | Salvaterra de Miño prepárase para acoller, un ano máis, a súa xa consolidada cita coa burbulla: a XI Festa do Espumoso, que nesta edición dá un salto cualitativo ao transformarse oficialmente na Festa do Espumoso Galego, grazas ao impulso da Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL)

Esta nova denominación nace co obxectivo de impulsar o sector elaborador de viños espumosos galegos, dentro do conxunto de produtos que elaboran as adegas acollidas ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas do viño de Galicia. Trátase dunha aposta da Xunta de Galicia por apoiar a diversificación, innovación e posta en valor dos viños galegos, reforzando a súa presenza e recoñecemento tanto no mercado interior como no exterior.

Ao tempo, AGACAL aproveitará esta cita para avanzar nunha das súas liñas estratéxicas: o traballo formativo e divulgativo co sector vitivinícola, promovendo espazos de encontro, aprendizaxe e intercambio de coñecementos que contribúan a mellorar a calidade e competitividade dos viños espumosos galegos.

A festa celebrarase os días 5, 6 e 7 de decembro no recinto amurallado de Salvaterra de Miño, un espazo emblemático que volverá acoller unha gran carpa destinada aos verdadeiros protagonistas: os viños espumosos galegos. As adegas participantes ofrecerán os seus mellores espumosos, acompañados de tapas, doces e cafés, nun ambiente festivo que combina enoloxía, gastronomía e tradición. Ademais, nesta edición potenciarase o carácter formativo e profesional do evento, con actividades orientadas á promoción, coñecemento e valorización dos viños espumosos galegos.

Con esta nova dimensión galega, Salvaterra de Miño consolídase como referente na elaboración de espumosos, converténdose durante tres días no punto de encontro de viticultores, profesionais do sector e amantes do viño. Unha cita imprescindible para celebrar o traballo das adegas e brindar polo futuro dos espumosos galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.