Salvaterra de Miño inaugurou o seu Monumento ás Vítimas do Golpe de Estado de 1936.

Promovido polo Concello e a Plataforma pola recuperación da Memoria Histórica
Discurso da historiadora Rocío Pino durante a inauguración do Monumento.

Salvaterra de Miño | A continuación, reproducimos o discurso realizado pola historiadora Rocío Pino, da Plataforma pola recuperación da Memoria histórica de Salvaterra, durante a inauguración do Monumento ás Vítimas do Golpe de Estado de 1936.

Moi bo (día/ tardes) a todos e a todas e benvidos á Inauguración deste Monumento ás Vítimas do Golpe de Estado de 1936.

Este é un evento organizado e promovido pola “Plataforma pola recuperación da Memoria histórica de Salvaterra” en colaboración co Concello de Salvaterra de Miño. Un acto no que se pretende facer desta Fonte da Vila, un espazo para o recordo e o entendemento. Un lugar de conciliación que disipe a escuridade orixinada por un conflito dunha extrema crueldade como foi a Guerra Civil Española e a posterior represión. Foi un enfrontamento fratricida que dividiu a veciños e familias e que instalou o terror permanente nos ollos dos que sufriron polas súas consecuencias.

Un evento que recolle o espírito do ditaminado polo Parlamento de Galicia o 18 de xullo do 2016, cando levou a cabo a seguinte declaración institucional:

“O Parlamento de Galiza, ao se cumprir o 80 aniversario dos tráxicos acontecementos que provocaron a Guerra Civil e a posterior ditadura franquista, quere reiterar a súa condena ó Golpe de Estado perpetrado por Franco o 18 de xullo de 1936, ó réxime ditatorial […] e represións exercidas sobre as persoas vencidas.”

Este polo tanto é un acto para poñer luz sobre as terribles repercusións humanas, sociais e económicas que trouxo consigo a sedición e é que, soamente a través do coñecemento e da memoria, como cohesionadores sociais, poderemos sandar as feridas abertas.

“Hoxe estamos aquí para recordar a todos e a todas aqueles salvaterrenses que foron asasinados, paseados, depurados, perseguidos, encarcerados, torturados, aldraxados, mutilados e saqueados os seus bens”

Hoxe estamos aquí para recordar a todos e a todas aqueles salvaterrenses que foron asasinados, paseados, depurados, perseguidos, encarcerados, torturados, aldraxados, mutilados e saqueados os seus bens, nun enfrontamento cuxas consecuencias aínda están presentes na nosa memoria e na nosa realidade. Decenas ou centos dos nosos veciños foron acusados de delitos que nunca cometeran, homes e mulleres inocentes que viron as súas vidas truncadas e aos que hoxe rendemos sentido homenaxe.

A historiadora Rocío Pino e un membro da Plataforma .

A morte, a fame e a desnutrición, o exilio, as recrutacións militares forzosas, as enfermidades derivadas das malas condicións sanitarias e da falta de infraestruturas e de persoal formado, o terror, as mutilacións, as desaparicións, as execucións extraxudiciais, a violencia sexual, os trastornos traumáticos provocados polas torturas e polas estancias en penitenciarías (unha forma amable de falar dos campos de concentración ou exterminio que era o que en realidade eran), a falta de coberturas sociais, o atraso económico, o declive do ensino e falta de orzamento para a investigación, a violencia sobre as mulleres ou a emigración son algunhas das moitísimas secuelas deste enfrontamento que perduran ata os nosos días e que deixaron en nós un pouso de medo a que a Historia se repita.

Así que, está nas nosas mans que as diferenzas políticas e ideolóxicas non volvan a dividirnos, senón que xuntos tendamos pontes para o entendemento, sobre todo, en momentos de crise como o presente.

E é que como se recolle no Anteproxecto de Lei de Memoria democrática:
“O coñecemento do noso pasado recente contribúe a asentar a nosa convivencia sobre bases máis firmes, protexéndonos de repetir os erros do pasado. A consolidación do noso ordenamento constitucional permítenos hoxe afrontar a verdade e a xustiza sobre o noso pasado. O esquecemento non é opción para unha democracia.”

Para que ningunha das súas tribulacións fiquen na desmemoria e como sinal de respecto, gardemos agora un minuto de silencio.

[…] moitísimas grazas a todos por facernos compaña hoxe e pola vosa atención.