
A Alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira (Movemento Salceda, MS) e o concelleiro Xurxo Gregorio (PSdeG-PSOE de Salceda) acordaron reeditar a partir do 31 de marzo o bipartito no goberno municipal que con anterioridade funcionou no Concello durante o período 2019-2023. Nestas entrevistas amosan as súas impresións ante este novo pacto político.
“Este é un acordo maduro que xurde da confianza”
Loli Castiñeira | Alcaldesa e líder de Movemento Salceda (MS)

Qué cambios observa neste novo bipartito co PSOE co respecto ao anteriormente existente durante o período 2019-2023?
O acordo anterior foi no último minuto antes do Pleno de investidura, in extremis, e tiña como principal condicionante o reparto de anos na Alcaldía. A veciñanza, influída ó mellor por outras forzas políticas, puido entender que nos importaba máis o reparto de poder que o interese xeral, e provocou unha importante perda de apoios ao PSOE.
Agora é un acordo maduro que xurde da confianza, e que pon a Salceda como prioridade absoluta da acción de goberno con un reparto natural de responsabilidades, e sen que o poder local sexa un pastel a repartir. Está baseado na confianza e é posible polas dimisións presentadas polo núcleo de persoas do PSOE que miraban en nós un rival político e non un aliado para traer a Salceda máis e mellor calidade de vida.
Esta reedición do bipartito acórdase na segunda metade do seu mandato no goberno local. Qué incidencia pode ter con vistas ás municipais 2027?
Eu espero unha incidencia positiva para o proxecto de esquerda, incluído o BNG con quen a pesares de non entrar no goberno, hai una relación máis fluida.
“A xente sabe que as políticas positivas estanse facendo dende a esquerda”
O PP é un partido forte en Salceda pero a xente sabe que as políticas positivas estanse facendo dende a esquerda. Eu espero que a cidadanía entenda estes acordos e todo o que estamos facendo, esta segunda transformación que é histórica, e volte a confiar nos nosos proxectos, a confiar en nós.
Se a situación seguise como ao principio de mandato creo que teríamos poucas posibilidades, pero fumos quen de deixar a un lado rivalidades para traballar polo ben común, sabendo coordinar con outras administracións e demostrandolle á cidadanía que non lle temos medo ao traballo e que sabemos xestionar.
(…)
“É necesario un goberno progresista en Salceda”
Xurxo Gregorio | Concelleiro do PSdeG-PSOE de Salceda

Qué razóns estimularon ao PSOE a pactar un goberno bipartito con Movemento Salceda?
A necesidade de dar estabilidade á cidadanía de Salceda. O PSdeG considera que a sensación de inestabilidade política que supoñía un goberno de só 4 persoas, no que se apoiaba sen participar nel non era ben visto pola cidadanía; es parte de algo pero ó mesmo tempo non participas e tomas decisións que logo non executas. O PSdeG é un partido de goberno e debe ser consecuente coas políticas e decisións que toma. Consideramos que é necesario darlle pulo a un goberno progresista en Salceda.
“Buscamos a participación vecinal e recuperar os consellos sectoriais”
Cales son as prioridades agora que entra no goberno municipal?
A nivel de infraestructuras as nosas prioridades son a creación de varias vías de comunicación que xa foron explicitadas no acordo dos orzamentos coma o enlace do Ato Da Brava, o vial que une Santa María con A Gándara e o saneamento integral en todo o Concello. A nivel social darlle un pulo á participación veciñal e recuperar os consellos sectoriais.





