Salceda de Caselas | O Concello de Salceda de Caselas presentou esta mañá na Praza do Concello a que será xa a XXXI edición da festa dos callos, unha festa xa referente en toda Galicia que sigue a loitar por conseguir a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, que se celebrará o domingo 7 de setembro aínda que con programación que se estende ao longo de toda a fin de semana.
A Alcaldesa, Loli Castiñeira, recoñeceu a expectación que xera a festa ao tras ano, con milleiros de persoas que se achegan de toda Galicia e tamén de Portugal. A alcaldesa quixo destacar o traballo en equipo, tanto nas semanas previas á festa como no mesmo día. “A festa leva medrando durante 31 edicións, e tamén a participación do tecido asociativo resulta fundamental para o éxito deste evento”. Loli Castiñeira aproveitou para poñer en valor o potencial turístico de Salceda, non só a fin de semana da festa senón ao longo de todo o ano. A Alcaldesa quixo ademais salientar a importancia do coidado do rural, tan castigado cos incendios nas últimas semanas, e tan vinculado coa celebración da festa dos callos.
Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura e máximo responsable da organización da festa presentou a programación, que mantén eventos xa moi consolidados como tradicional serán o venres 5 e o festival de charangas o sábado 6 organizado en colaboración coa charanga SGHAE. O pregón correrá este ano a cargo de David Amor, humorista nacido en Salceda de Caselas, que xa pola tarde ofrecerá un monólogo no Auditorio Municipal.
Sara Luque, técnica en xestión de residuos, presentou a novidosa campaña lanzada este ano baixo o lema “Callos, cero resíduos”, que se enmarca dentro da proposta “Salceda sostible”. A técnica explicou que nos grandes eventos en xeral parece que se esquecen os bos hábitos de reciclaxe e separación, polo que esta iniciativa busca loitar contra este fenómeno. Para iso haberá illas de contedores separados por fraccións ao longo do recinto para facilitar as tarefas. Por outra banda repartiranse vasos reciclabes e estableceranse ao longo do recinto “furanchos de auga” con auga fresca e de calidade, que eviten o consumo excesivo de auga embotellada e polo tanto dos residuos que iso xera. A proposta será adaptada tamén ao resto de eventos que se vaian realizados en Salceda, na busca dun pobo máis sostible.
Ángel Rodríguez, director financieiro de Coren, agradeceulle ao Concello que conten con Coren unha vez máis, e recoñeceu o traballo de Begoña Alonso, xefa de cociña de Coren e da Festa do Callos polo traballo que leva a cabo. Foi Begoña precisamente a encargada unha vez máis de explicar os ingredientes a empregar nesta festa para elaborar as 20.000 racións que se porán á venta: 1.600 kg de ventre de vacún, 1.200 kg de pata de vacún, 2.300 kg de garbanzos, 450 kg de lacón curado, 325 kg de chourizo e 325 kg de sofrito. As potas comezarán a traballar en torno á 1 da madrugada para poder ter o produto listo sobre as 9 da mañá, cociñándose en directo durante toda a noite na propia Praza do Concello para que quen queira pode achegarse a observar a elaboración.
A ración de callos con pan, viño, cunca e prato conmemorativos mantén o seu prezo de 10€, e as racións “á tarteira” que só inclúen os callos pódense adquirir por 7€. O Concello traballa ademais na revisión e posta a punto das máis de 2500 prazas de aparcadoiros disuasorios na vila para que sexa o máis fácil posible acoller á multitude de vehículos que se achegan a esta festa.
Alcaldesa e Concelleiro quixeron convidar a salcedenses e a visitantes a achegarse á festa gastronómica por excelencia de Salceda, e a gozar do municipio, das súas sendas e das súas zonas de lecer.
[publ7]