
Salceda de Caselas | Salceda presentou hoxe o seu Entroido 2026, unha cita centenaria onde os barrios da Feira e de Castro Barreiro levan enfrontándose dende hai xa 140 anos, convertendo a Salceda no epicentro entroideiro da provincia de Pontevedra.
Representantes de ámbolos dous barrios acompañaron hoxe ao equipo de goberno na presentación da festa máis representativa e que máis se goza no municipio, onde milleiros de persoas participan activamente nos diferentes desfiles e actos que se organizan.

Unha cita que, como lembrou a Alcaldesa Loli Castiñeira cumpre con todos os requisitos para ser declarada de Interese Turístico de Galicia, recoñecemento que leva tempo agardando. Como cada ano, foi imposible que ningún dos dous barrios desvelase nin dese a máis mínima pista sobre as temáticas que protagonizarán a loita nesta ocasión, reservando o que definen como “información confidencial” para o seu día grande: o martes de Entroido.
A rivalidade entre os barrios é sen dúbida a cita destacada do Entroido de Salceda, pero non a única. Os actos comezan xa o venres co desfile escolar que acollerá a máis de 1500 nenos e nenas de 0 a 18 anos. O domingo celebrarase o XXVII Desfile de Carrozas e Comparsas, que aínda coas inscrición abertas acumula xa 11 agrupacións inscritas con máis de 1200 persoas participantes.
O martes será a quenda de Castro Barreiro e a Feira co desfile das súas carrozas e comparsas, pero xa o luns quecerán motores coas multitudinarias verbenas en cada un dos seus torreiros de festas. Ademais a programación complétase con actos para os nenos e nenas ou concertos tan agardados como o da Banda Cultural que este ano estará acompañada das Donicelas, o sábado no Auditorio Municipal. Tamén a mañá do domingo acollerá unha importante cita nestas datas, como é a presentación do Rancho de Entroido da Feira acompañado dos tradicionais cabaleiros.
Este ano, a novidade na programación é o I Certame de Fotografía Xank Penabella, fotógrafo de orixe ponteareán afincado en Salceda de Caselas que foi, sen dúbida, un referente na fotografía social no noso Concello. O seu obxectivo recolleu milleiros de imaxes de festas, eventos culturais e deportivos e, en definitiva, da vida social de Salceda de Caselas. O Entroido foi un dos eixos centrais da súa fotografía de eventos, con innumerables momentos captados tanto a través de fotografías como de vídeos. A participación estará aberta ata o 28 de febreiro, como recollen as bases que se publicarán nos vindeiros días.
Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura e Festas: “En Salceda xa se respira o Entroido, a festa que máis nos identifica e da que máis gozamos todos e todas. Unha cita que converte ao noso Concello no referente da provincia”.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “falan as cifras: arredor de 3500 persoas participando nos tres desfiles, e máis de 30.000 persoas que se achegarán a Salceda durante os días de Entroido. Salceda ten o mellor Entroido da provincia de Pontevedra, e temos todo preparado para que así siga sendo, e para seguir a gozar da nosa festa máis tradicional”.




