Salceda honra a “memoria democrática” coa exhumación da súa primeira fosa común

Será na parroquia de Soutelo para identificar a seis persoas soterradas en 1936

Salceda de Caselas | A partir deste 30 de xuño un equipo de investigación dirixido por Fernando Serrulla, Antropólogo Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) e Eduardo Breogán Nieto Muñiz, Arqueólogo Director da Excavación, levarán a cabo no cemiterio da Igrexa de San Vicente de Soutelo a “primeira exhumación dunha fosa común” neste municipio da Louriña, tal e como informou a Alcaldesa Loli Castiñeira, na que aspiran identificar a seis persoas soterradas durante un “paseo” en 1936.

Este 24 de xuño realizouse nese lugar unha rolda de prensa para explicar os traballos que se levarán a cabo na que tamén participaron Quico Paz Antón, autor do Informe Histórico da Comisión pola Memoria Histórica do Baixo Miño, A Louiña e o Condado; Cándido Boente, familiar de Severo Boente, presuntamente soterrado nesa fosa; e Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura.

Esta fosa ten a denominación 4702/2024 PONT dentro do catálogo de fosas do Ministerio de Política Territorial y Memoria Democrática sendo recentemente escrita nas instancias do Proxecto de Investigación Interuniversitario “As Vítimas, Os Nomes, As Voces”. A exhumación levarase a cabo grazas a un financiamento de 6.900€ por parte da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Concello de Salceda. O Laboratorio de Xenética Forense da USC participará tamén no recoñecemento dos respectivos ADNs.

Seguindo fontes orais e documentais se considera que nesa fosa están soterrados José Cordal Yáñez; Ramón Pérez Cabaleiro (foi Tenente de Alcalde no Porriño); Severo Boente (Rodríguez); Modesto Barreiro Cubillos; Manuel Fernández Diz; e Antonio Domínguez González. Considérase que nesta fosa tamén pode estar Leoncio Muíños Rey. Diariamente o equipo de investigación dará parte informativa sobre os avances que se vaian alcanzando.

Serrulla explicou que se ben non teñen todas as garantías de poder identificar a esas persoas, a exhumación pretende “facer xustiza e reparación” da memoria histórica e democrática desas persoas que merecen “un enterro con dignidade”. Informou igualmente que preténdese alzar nese lugar unha placa conmemorativa sobre a exhumación. Pola súa banda, o concelleiro Rodríguez quixo tamén agradecer a colaboración do Bispado de Tui no relativo ao acceso á información para levar a cabo unha exhumación que pretende “abrir memoria e pechar feridas”.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.