
Salceda de Caselas | O Concello de Salceda de Caselas vén de facer entrega dos premios ás persoas ganadoras do I certame de fotografía Xank Penabella, que xirou en torno á festa do Entroido no municipio. Os traballos ganadores son:
– Primeiro premio: “ANTES DO BAILE”, realizada por Mónica Vila Ferreirós, que recibiu diploma acreditativo e premio de 1.500€
– Accésit: “THIAGO”, realizada por Óscar Damián Álvarez Martínez, que recibiu diploma acreditativo e premio de 250 €.
– Accésit: “Reflexo dun sentimento baixo a chuvia”, realizada por Gloria Pérez Fernandes que recibiu diploma acreditativo e premio de 250 €.
As tres persoas ganadoras dos premios achegáronse ao Concello de Salceda de Caselas para recoller os seus diplomas de mans dos representantes da familia de Xank Penabella, os seus fillos Breogán e Gael, que realizaron a entrega acompañados da Alcaldesa do municipio, Loli Castiñeira, e do equipo de goberno.
O Concello de Salceda de Caselas organizou por vez primeira este certame en lembranza do fotógrafo no quinto aniversario do seu falecemento. Alcaldesa e equipo de goberno amosaron a súa satisfacción pola boa acollida que tivo o certame e pola calidade dos traballos recibidos. Boa mostra desta calidade queda patente co feito de que as tres persoas premiadas se dediquen profesionalmente ao mundo da imaxe e da comunicación.
Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura, traballa xa nas propostas para a elaboración da exposición itinerante que se organizará dende o Concello coas mellores imaxes recibidas no concurso, e que se porá a disposición das diferentes asociacións do municipio para que poida visitarse nos seus locais ao longo das sete parroquias.
O Concello de Salceda de Caselas quixo vincular o certame de fotografía á festa do Entroido, por ser unha das festas con maior arraigo no Concello e por ser esta unha festa da que especialmente fixo cobertura en imaxes o propio Xank Penabella durante anos. As tres persoas premiadas coincidiron no xogo que dá a festa do Entroido en Salceda para facer imaxes, e que este especialmente por ser un ano de chuvia prestábase a obter imaxes diferentes nas que a auga fixo acto de presenza.




