Salceda e Xunta de Galicia ampliarán a rede de saneamento

Asinado un convenio por valor de 800.000€

Salceda de Caselas | A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Salceda de Caselas, Dolores Castiñeira, asinaron hoxe un convenio de colaboración para ampliar a rede de saneamento na localidade por preto de 800.000 euros.

Durante o acto de sinatura, a conselleira, que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, explicou que a actuación consistirá na execución dunha rede de saneamento no núcleo de Cerquido, que suporá a construción de  tres tramos de colectores de preto de 1,13 quilómetros en total. O obxectivo é recoller as augas residuais de preto dun cento de veciños desa contorna da parroquia de Santo Estevo de Budiño, así como de dúas áreas industriais do parque empresarial de Salceda de Caselas.

Logo de indicar que a previsión é licitar esta nova infraestrutura ao longo do verán e que estea rematada no segundo semestre do vindeiro ano 2026, Ángeles Vázquez subliñou que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, aportará o 80% do orzamento necesario e a Administración local, o 20% restante. Cómpre indicar que este proxecto será financiado ao abeiro do Fondo europeo agrícola de desenvolvemento rural (Feader).

Colaboración coas administracións locais
Tal e como lembrou a conselleira, aínda que a prestación dos servizos de saneamento é unha responsabilidade de competencia municipal, a Xunta leva anos prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o necesiten. Nesa liña, puxo como exemplo que o concello de Salceda de Caselas xa investiu con anterioridade máis de 1,6 millóns de euros na execución do saneamento en Santo Estevo de Budiño.

O obxectivo do Goberno galego é colaborar cos concellos para contribuír a profesionalizar a xestión da auga, garantir o bo estado ecolóxico dos ríos e das rías de Galicia e a mellorar a calidade duns servizos que son básicos para a cidadanía.

Esta liña de colaboración viuse reforzada coa Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, aprobada no ano 2022 e que desenvolve ferramentas de apoio aos municipios en materia de depuración e saneamento ante as dificultades técnicas e financeiras que teñen algúns deles para asumilo, facilitando que este servizo se poida prestar directamente pola Xunta mediante un sistema de adhesión voluntario.

Ademais, Augas de Galicia tamén colabora cos concellos tanto na realización dos labores de mantemento e reparación axeitados para protexer as infraestruturas existentes e conservalas nas condicións óptimas para a prestación dos servizos como na reposición das infraestruturas vinculadas á xestión do ciclo integral da auga cando esgoten a súa vida útil.

Nesa liña, Augas de Galicia conta este ano 2025 cun orzamento de 144 millóns de euros, un 5% máis que o exercicio anterior, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.

 

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.