Salceda da comezo ao saneamento de Entenza

Cun investimento de 875.000€ da Deputación de Pontevedra

Salceda de Caselas | O Concello de Salceda de Caselas vén de botar a andar as obras para dotar de saneamento a parroquia de Entenza. Trátase dun investimento valorado en 875.000€ que conta co financiamento da Deputación de Pontevedra a través dos plans Extra e Máis Provincia, que o goberno municipal decidiu destinar a este servizo tan importante.

A Alcaldesa, Loli Castiñeira, o Deputado Provincial Alejandro Lorenzo, o equipo de goberno e representantes da corporación, a representante de Construccións Vale, empresa adxudicataria, e a directora da obra quixeron achegarse esta mañá para comprobar no propio terreo o comezo dunha obra tan importante para a parroquia de Entenza, e para o Concello de Salceda de Caselas.

O equipo de goberno de Salceda, lembrou que a súa prioridade é o saneamento das zonas que aínda non o posúen e por esa razón optaron por aproveitar o Plan Extra da Deputación para esta obra. Para Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, “A responsabilidade dun goberno é xestionar os recursos públicos marcando as prioridades, e o saneamento e a dotación de servizos básicos ten que estar ante todo o demais” A Alcaldesa definiu este como “un día importante para a parroquia de Entenza e tamén para o Concello de Salceda, lembrando o seu compromiso de investir nesta lexislatura todo o posible en saneamento”.

Esta obra marca o cumprimento dunha débeda histórica con esta parroquia e suporá que entorno a 120 vivendas poidan por fin contar con saneamento. Ademais, con cargo á baixa de licitación e ás melloras ofertadas pola empresa adxudicataria, poderanse incrementar algunhas zonas da parroquia para abarcar tramos que quedaron fóra do proxecto inicial. Para a alcaldesa e tamén responsable de vías e obras é prioritario que o saneamento de Entenza chegue ao maior número de fogares independentemente se estaban contemplados no proxecto técnico inicial.

O Deputado Provincial, Alejandro Lorenzo, recoñeceu a importancia de investir en saneamento, e amosouse contento de que o Concello de Salceda apostase por este servizo para destinar os fondos aportados dende a Deputación de Pontevedra.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.