Salceda busca alternativas de circunvalación

MS, BNG e PSOE traballan no estudo de propostas de alternativas

Salceda de Caselas | O Concello de Salceda de Caselas traballa no estudo das alternativas que ofrezan viabilidade para a futura creación dunha circunvalación que permita mellorar a mobilidade para a veciñanza das zonas da Picoña, Castro Barreiro e A Feira cara a Salvaterra. Os grupos de Movemento Salceda, PSOE e BNG recollían este compromiso dentro do acordo de investidura do ano 2023, polo que dende o equipo de goberno se botou a andar o estudo de posibilidades conxuntamente cos grupos de esquerdas da corporación.

Nesta mesma semana, levouse a cabo a primeira reunión de traballo coa empresa encargada do estudo, á que asistiron ademais da Alcaldesa, Loli Castiñeira, e o Concelleiro de mobilidade, Marcos Troncoso, o arquitecto municipal, Rubén Martín e os voceiros do BNG e o PSOE, Salustiano Guerra e Xurxo Gregorio respectivamente. A empresa redactora puxo sobre a mesa as diferentes posibilidades de enlace, analizando a posible viabilidade de cada unha delas, e establecéronse os criterios cos que se traballará na proposta definitiva así como os condicionantes a cumprir.

Con estas propostas búscase facilitar a mobilidade dos mencionados barrios, ao mesmo tempo que se libera de carga de tráfico o casco urbano, que se vería tamén claramente beneficiado con este proxecto. Dende o Concello de Salceda estúdianse tamén as posibilidades de financiación as que se podería recorrer á hora de facer realidade a proposta definitiva.

Ao mesmo tempo, o Concello vén de encargar tamén o estudo de mellora do enlace de acceso á PO-510 no Alto da Brava, tras o acordo tomado tamén polos tres grupos de esquerdas. Trátase dunha zona perigosa que precisa dunha remodelación, polo que se traballa no estudo de alternativas para poder remitirlle a mellor proposta á Axencia Galega de Infraestruturas, dependente da Xunta de Galicia, titular da PO-510.

A Alcaldesa, Loli Castiñeira, e os voceiros do BNG e o PSOE coinciden en que “estamos a dar os primeiros pasos para que estas demandas históricas poidan converterse en feitos”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.