
Salceda de Caselas | O pasado 1 de decembro o Concello de Salceda de Caselas acolleu a celebración da Mesa Local contra a violencia de xénero. Ademais da alcaldesa, Loli Castiñeira, e a concelleira de igualdade, Selene González, asistiron á mesa Mª José Rodríguez, xefa da unidade contra a violencia de xénero da subdelegación do goberno de Pontevedra, Roberto Barba, director xeral da loita contra a violencia de xénero, representantes das forzas e corpos de seguridade do Estado, representantes dos grupos que forman a corporación municipal, persoal do departamento de servizos sociais, representantes dos centros de ensino público, representante do centro de saúde, e representantes do tecido asociativo con actividade en igualdade no concello de Salceda de Caselas.
Loli Castiñeira, alcaldesa, lembrou que Salceda foi o primeiro Concello da provincia en adherirse ao sistema Viogen de seguimento integral das vítimas e coordinación entre as forzas e corpos de seguridade do Estado no ano 2020. Lamentou a alcaldesa que tan só un 12% dos Concellos de España (en torno a 800) están adheridos a este sistema, o que reflicte que estamos aínda moi lonxe de arranxar un problema fundamental como o da violencia machista.
No informe anual da unidade de loita contra a violencia de xénero da subdelegación do goberno en Pontevedra refléxase que en Salceda actualmente 21 mulleres son vítimas de violencia de xénero estando 19 delas en risco baixo e 2 en risco de nivel medio non existindo actualmente casos de risco alto ou extremos nin casos de violencia vicaria. O maior número de vítimas concéntrase entre os 31 e 45 anos de idade e tamén entre os 46 e os 64, existindo tamén datos preocupantes entre a nosa xuventude.
María José Rodríguez amosou a importancia de que as mulleres vítimas de violencia de xénero conten co sistema de prevención e acompañamento telefónico de ATENPRO. Durante a explicación do seu funcionamento amosou os múltiples beneficios que ten en canto á xeolocalización e ás chamadas de acompañamento por parte de profesionais especializadas en violencia de xénero ás vítimas con independencia de que estas mulleres presentasen ou non unha denuncia contra o seu agresor.
Na mesa deuse conta tamén dos máis de 12.000 euros da subvención do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que o Concello de Salceda recibiu para este 2025, e Roberto Barba, director xeral da loita contra a violencia de xénero, incidiu na importancia da identificación e tratamento da violencia machista tamén dentro da empresa privada.
A Concelleira de Igualdade e Benestar Social, Selene González deu conta do informe do primeiro ano de vixencia do Plan de Igualdade entre homes e mulleres no Concello de Salceda. Fixo fincapé nas medidas executadas que xa mostraron impacto na nosa sociedade local como a elaboración de pregos con perspectiva de xénero para os procesos de licitación ou o proxecto de educación afectivo-sexual para alumnado de 4º, 5º e 6º de educación primaria. A Concelleira expuxo que se ten detectado que a mocidade precisa ter unha maior intervención polo que a este colectivo se dedicará maior inversión durante o 2026.
A xornada finalizou con rogos e preguntas dos diferentes colectivos asistentes como as persoas que ostenta a dirección dos centros educativos, os Servizos Sociais ou o Centro de Saúde.




