Sahara Occidental: 46 anos da firma dos “Acordos Tripartitos de Madrid”

Durante varios días de novembro de 1975 xestouse un dos episodios políticos máis vergoñosos da historia de España.

O 14 de novembro dese ano asináronse no Palacio da Zarzuela os chamados “Acordos Tripartitos de Madrid”, unha declaración de principios que incluían a retirada española do Sahara Occidental en menos dun ano e mediante os que España cedía a administración do territorio a Marrocos e Mauritania, sen contar coa opinión do pobo saharauí. Ademais de varios acordos económicos que recoñecían dereitos de pesca nas augas do Sahara a 800 barcos españois. Do mesmo xeito, España vendeulle a Marrocos o 65% da empresa de fosfatos, Fos Bucrá. Este texto supuxo a cesión unilateral do territorio, facendo caso omiso ás directrices da ONU.

Aínda hoxe colean, tristemente, as consecuencias deste acordo, coa poboación saharauí repartida entre os campamentos de refuxiados en Tindouf (Alxeria), outros nas zonas ocupadas por Marrocos e na diáspora en diferentes países de todo o mundo. Uns acordos que son ilegais desde o punto de vista do Dereito Internacional.

O Sahara Occidental era a provincia número 53 de España e como o resto de países da súa contorna, tiña dereito a un proceso de descolonización e un estado independente. Con todo, o réxime franquista da época, con estes acordos cedeu ás presións de Marrocos e entregou o Sahara a Hassan II.

A relación das autoridades españolas cos saharauís sempre repetían un mesmo patrón: boas palabras pero, ao final, pleitesía a Marrocos, como quedou demostrado o 2 de novembro de 1975, cando Juan Carlos de Borbón, entón xefe de Estado en funcións – Franco estaba no seu leito de morte –, viaxou a El Aiún e no casino de oficiais dirixiuse aos mandos militares da colonia: “España cumprirá os seus compromisos. Desexamos protexer os lexítimos dereitos da poboación saharauí”. Tres días despois, avisou a EEUU dos plans de Franco no Sahara, unha axuda nada desdeñable para unha potencia que dera luz verde á invasión marroquí do Sahara.

O proceso que acabou desencadeando a firma destes acordos iníciase en 1974, cando Marrocos solicita ao Tribunal da Haia un veredicto acerca dos seus dereitos de soberanía sobre o territorio colonial do Sahara e España xa estaba a realizar un censo de poboación entre as tribus como paso previo á celebración do referendo. O 16 de outubro de 1975 o Tribunal Internacional da Haia ditaminou que os vínculos das tribus saharauís con Marrocos e Mauritania non se deriva ningún dereito sobre o territorio. Marrocos, nunha “curiosa” interpretación entende que o veredicto apoia as súas reivindicacións e lanza 6 de novembro de 1975, aproveitando que Franco agonizaba, a coñecida como “Marcha Verde” na que unhas 350.000 persoas cruzan a fronteira desde Marrocos. Uns días antes Marrocos xa entrara no territorio arrasando á poboación saharauí. O Tribunal Internacional de Xustiza da Haia condenou no seu momento as pretensións de Mauritania e Marrocos.

Ante este panorama, o 14 de novembro de 1975, España acaba asinando xunto con Marrocos e Mauritania os ilegais Acordos de Madrid.

O 27 de febreiro 1976 España retira as súas tropas do territorio do Sahara Occidental. Constitúese a RASD, República árabe Saharauí Democrática e a Fronte Polisario declara a guerra a Marrocos e Mauritania, que se reparten o territorio.

Os distintos gobernos españois, como fixo recentemente o ministro Albares (1) , en numerosas ocasións pretenderon eludir a súa actual responsabilidade no conflito do Sahara Occidental amparandose nestes acordos. Pero España segue sendo, segundo a ONU e o dereito internacional, potencia administradora “de iure” deste territorio, pero no canto de exercer como tal posicionouse a favor do invasor favorecendo as pretensións anexionistas de Marrocos.

España promoveu iniciativas para a firma de acordos preferentes entre a UE e Marrocos que inclúen o territorio do Sahara Occidental (acordos pesqueiros, agrícolas, extracción de minerais, etc.).

Vendeu material militar a Marrocos, material que quedou sobradamente demostrado que foi utilizado para a represión e o xenocidio sometido polo reino alauita sobre a poboación saharauí.

Ningún dos diferentes gobernos españois denunciou abertamente esta situación de xenocidio e vulneración dos dereitos humanos nin denunciou a ocupación por parte de Marrocos, utilizando na maioría das ocasións un falso dobre linguaxe co que pretende contentar a todas as partes.

Tendo en conta que o referendo de autodeterminación é a única saída legal e xusta para os procesos de descolonización, proceso co que Marrocos comprometeuse formalmente coa firma do Plan de Paz do ano 1991, e que España segue sendo a potencia administradora “de iure” do territorio é obrigación do goberno español tomar, dunha vez por todas, as medidas oportunas para a celebración do devandito referendo. Cumprindo así coa débeda histórica que ten coa que foi no seu día a 53ª provincia española.

(1) porunsaharalibre.org

Nado no ano 1974, un ano antes da entrega do Sahara por parte de España a Marrocos. Activista polos dereitos do Pobo Saharaui, é membro de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. Fundador e administrador da web www.porunsaharalibre.org

Outros artigos