Sae a terceira edición do libro “A Casa do Patrón”

Está adicado ao gran ecomuseo do mundo rural galego

Lalín/Avelino Jácome | Xa está a disposición de visitantes e público en xeral a terceira edición mellorada, ampliada e actualizada do libro “A Casa do Patrón, o gran Ecomuseo do mundo rural galego”, escrito polo fundador e xerente do Museo, Manuel Banco Villar e promovido pola Asociación Amigos do Museo Casa do Patrón.

Ao igual que nas dúas edicións anteriores, xa totalmente esgotadas, trátase dun volume de gran formato (21 x 29,7 cm.), composto por 208 páxinas, más portadas con lapelas a toda cor, con encadernación rústica cosida, que versa sobre a historia, o contido, a contorna e as actividades desenvoltas por este Museo dende o comezo da súa andaina, fai case 27 anos ata o momento presente.

Está escrito dun xeito ameno e sinxelo, alcanzable para todo o mundo, adornado con numerosas fotos e ilustracións, que lle aportan á obra moito colorido e unha gran beleza plástica.

Seccións
Podemos dividir a obra en varias partes ou seccións: Historia e composición da Casa do Patrón: que é o museo, por qué se fixo, cómo naceu, cómo medrou, por qué o consideramos un ecomuseo en toda regra.

Un percorrido polas exposicións da Casa do Patrón: enumeración e descricións das 14 salas de exposición actuais do Museo, espalladas nos tres edificios, a capela e a recreación da casa castrexa, que sumándolle as 4 salas de exposicións temporais exteriores e as existencias en almacén, acadan un volume de 6.000 apeiros e 1.200 miniaturas etnográficas e 24.000 restos arqueolóxicos mobles do castro e as mámoas de Doade, que converten a Casa do Patrón na maior colección etnográfica de Galicia, tanto en tamaño, como en variedade expositiva.

A contorna do ecomuseo: principais accesos, a aldea de Codeseda, o castro, as mámoas e os petróglifos de Doade, a contorna natural biosaudable de “Entre Ríos”, a formidable paisaxe natural e as rutas de sendeirismo (PR-G210-Ruta do Castro de Doade e a Ruta da Prehistoria de Doade).

Obradoiros, actividades, entre as que figuran a fía do liño, al aldea no Nadal, as xornadas de saúde e vida natural e a nosa Malla Tradicional, que acaba de ser declarada “Festa de Interese Turístico de Galicia”, detalle das publicacións realizadas polo Museo (16 libros, 5 vídeos e 1 documental de longa duración).

Ollando cara o futuro: ampliación e dinamización do Museo, tendencias do Museo nos vindeiros anos, a importancia da paisaxe que nos asolaga, na busca da excelencia, pechar o Círculo Máxico…

Consideramos que se trata dun libro histórico, etnográfico e arqueolóxico, pero sobre todo didáctico, no que podemos atopar, dende as 7 campañas arqueolóxicas promovidas polo Museo no castro de Doade, ata a axenda labrega da Comarca de Deza, pasando polas actividades da Casa do Patrón (a malla, o liño, saúde e vida natural, o Nadal), o estudo e descrición de numerosos oficios artesáns xa desaparecidos, múltiples obradoiros, demostracións e recreacións, música tradicional galega, a aldea de Codeseda, o castro de Doade e a súa contorna, así como unha visita guiada ás grandes e variadas exposicións da nosa Entidade, todo un referente cultural e turístico da Galicia interior.

Agradecemos a colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Deputación de Pontevedra e do Concello de Lalín, sen a cal non resultaría posible sacar á luz este completo estudo sobre un auténtico milagre do rural galego, chamado Casa do Patrón de Lalín, unha verdadeira xoia no corazón da Galicia profunda.

Tamén valoramos moi positivamente o traballo e esforzo realizado, tanto polo autor, Manuel Blanco Villar, como pola editorial A Formiga Rabicha de Miguel A. Martínez Coello, o deseño e maquetación a cargo de Avelino Jácome Dobarro, de Orixe Publicidade e Comunicación, S.L. e finalmente, a impresión de Arlit Artes Gráficas, S.L. Entre todos conseguimos facer unha edición dunha enorme riqueza etnográfica, valor cultural e rigor histórico nos seus contidos, unidos á gran calidade na exposición, maquetación e presentación dos mesmos.

Dado que se trate dunha edición limitada, o libro só estará exposto nas dependencias do propio Museo Casa do Patrón, á que deberán dirixirse as persoas interesadas na súa adquisición.