As disfuncións que sofren os aeroportos galegos amosan a ineficiencia do sistema AENA (o máis centralista e dos máis desaquelados do mundo mundial), a incompetencia da Xunta de Galicia e máis os erros na historia pasada dos localismos galegos, ao xeito dos alcaldes Paco Vázquez e Abel Caballero.
Na conxuntura actual, en funcionamento xa as estacións intermodais Afonso R. Castelao en Compostela e as de Ourense e Vigo-Urzaiz e a menos dun ano da posta en funcionamento da coruñesa a dispoñibilidade de voos é moi susceptíbel de fondas remudas, pois que haberá máis servizos de alta velocidade con Madrid, tendo en conta a progresiva apertura á concorrencia con outros operadores ferroviarios. Agardemos que estes mesmos procesos se dean nos vindeiros dez anos a respecto da conexión con Porto e Lisboa, respecto da que é perceptíbel a súa falla de apoio dende o goberno do estado e, en xeral, dende o sistema mediático, político e técnico-funcionarial que fan parte do deep state español.
O Goberno de coalición BNG-PSdeG amosou a necesidade da coordinación entre os tres aeroportos galegos e máis a necesidade de obtermos a transferencia desta competencia (agás no que atinxe á navegación aérea, que pertence ao perímetro da competencia da EU) para por a rede aeroportuaria galega ao servizo da nosa economía, nomeadamente da loxística e do turismo sustentábel. Arestora o absurdo sistema AENA subordina as necesidades galegas á potenciación até o colapso do hub Madrid -Barajas mentres define Plans Directores disfuncionais como o do aeroporto coruñés de Alvedro e sementa unha absurda competencia entre cidades polas migallas mentres Porto e (moito ollo) Asturies medran substancialmente.
“O absurdo sistema AENA subordina as necesidades galegas á potenciación até o colapso do hub Madrid -Barajas”
Xa que logo, hai agora uns dous meses a alcaldesa da capital de Galicia Goretti Sanmartín (BNG), reclamou do presidente Rueda o que lle é esixíbel a calquera presidente de calquera país serio: que coordine a oferta dos tres aeroportos para integralos nun único sistema de mobilidade, evitando absurdas duplicidades que xeran desbalde de recursos públicos e efectos ambientais negativos. Mais o conselleiro Diego Calvo respostou ao xeito dependentista do PPdeG, ao que tan afeitos nos teñen Núñez Feijoo e Rueda: non é misión para o Goberno galego, senón que é cousa de AENA e dos concellos de Vigo, Compostela e A Coruña. Como na xestión da COVID-19 ou da grande apagada eléctrica a Xunta renuncia ao autogoberno e, deste xeito, a facer país mellorando a mobilidade deste país.
Galicia precisa da coordinación dos seus tres aeroportos e, nomeadamente da súa oferta de voos e de cadansúa especialización. A substancial redución de voos con Madrid é unha tendencia que medrará no futuro e orientará as infraestruturas a outra caste de voos, mesmo ao destino parcial dalgunha infraestrutura a aeroporto de mercadorías, como é o caso do aeroporto de Foronda en Gasteiz, a capital de Euskadi. Deste xeito poderán deseñarse e desenvolverse Plans Directores que non requiran máis sacrificios da poboación circundante e integrar os aeroportos na rede de mobilidade do País, coa mellora ambiental e de produtividade económica que iso suporá.
Mais esta remuda só será posíbel previa transferencia das infraestruturas portuarias á Xunta e logo de que ésta artelle un sistema de xestión que evite a disfuncionalidade do sistema actual, integrando aos concellos e á sociedade civil galega nos consorcios que haberían xestionar descentralizadamente os nosos aeroportos. Achegándonos deste xeito aos sistemas de xestión comúns á Europa democrática e afastándonos do centralismo burocrático e ineficaz de AENA.