“Roteiros da Vergoña” busca eliminar das rúas coruñesas os nomes de alcaldes da ditadura

Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña propón rúas alternativas
A CRMH pretende eliminar das rúas coruñesas os nomes de alcaldes da ditadura franquista.

A Coruña | A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) impulsa os denominados “Roteiros da Vergoña” coa finalidade de eliminar das rúas coruñesas os nomes de alcaldes da ditadura, en aplicación da actual Lei de Memoria Histórica, baixo o lema “Fóra das nosas rúas”.

Neste sentido, a CRMH propón substituír eses nomes polos de aquelas persoas represaliadas pola ditadura. Así, no roteiro colocarán debaixo das placas actuais as rúas alternativas que propón a CRMH.

As rúas a modificar son estas: A do ex alcalde Peñamaría de Llano será substituída por MÁRTIRES DE VALDEORRAS, como reparación ás vítimas da represión fascista nesta comarca pola bandeira da lexión, comandada polo tenente Peñamaría.

A do Liaño Flores por MÁRTIRES DO PORTIÑO, lembrando ás 19 persoas asasinadas na fuga do Portiño en marzo de 1937.

A de Jaime Hervada por ARTURO MEIRÁS MARTÍNEZ, de 24 anos, do Sindicato de Hojalateros da CNT, boxeador afeccionado. Paseado en Bastiagueiro o 13 de novembro de 1936.

A de Salorio Suárez por JOSÉ BOEDO LÓPEZ, canteiro, militante da CNT, fundador do Ateneo Libertario El Resplandor en el Abismo da Silva. Paseado na Coruña o 19 de agosto de 1936. Pai do cantante Pucho Boedo Núñez e de José Boedo Núñez, participante na fuga do Portiño e fusilado o 11 de setembro de 1937.

O Pleno do Barco de Valdeorras, alcaldía do PSOE, aprobaba por unanimidade (PSOE, PP, BNG e Riada Cidadá) o 3 de outubro de 2019 unha moción que na súa exposición de motivos facía referencia á represión franquista na zona e o protagonismo de Peñamaría de Llano na mesma.

Nesa moción o concello de Valdeorras “informa ao Concello da Coruña sobre os feitos acaecidos ao remate da guerra civil en terras de Valdeorras e nos que participou o tenente da Lexión Sergio Peñamaría de Llano, aos efectos de que, en caso de iniciar algún procedemento relacionado coa Lei de Memoria Histórica (Lei 52/2007 de 26 de decembro), sexan tidos en conta, e así, en concordancia coa devandita Lei, contribúan a promover a reparación moral da veciñanza da comarca de Valdeorras e a recuperar a súa dignidade”.

Por outra parte, o Pleno da Coruña de 6 de maio de 2019 aprobaba unha moción que abría a porta para retirar as distincións a Sergio Peñamaría e outros alcaldes: “insta o alcalde da cidade da Coruña a proceder segundo o indicado pola Secretaría Xeral na Comisión de Honras e Distincións de data 31 de xaneiro de 2016, presentando a proposta de revogación das diversas honras e distincións instruíndo un expediente motivado para retirar as diferentes honras e distincións a destacados alcaldes que participaron na sublevación militar e fascista de 18 de xullo de 1936, xogaron un papel destacado na represión ou ocuparon postos de responsabilidade na ditadura”.

“O Pleno da Coruña de 6 de maio de 2019 aprobaba unha moción que abría a porta para retirar as distincións a Sergio Peñamaría e outros alcaldes”

A CRMH dirixiuse ao goberno municipal do Barco de Valdeorras e a todos os grupos municipais o pasado 21 de setembro, invitando a participar na Coruña no Roteiro do 2 de outubro e que soliciten do concello da Coruña o cambio da rúa “Alcalde Peñamaría de Llano” por “Mártires de Valdeorras”.

Quen son eses alcaldes coruñeses da ditadura

1. José Manuel Liaño Flores: Concelleiro da corporación franquista en 1946 co alcalde Eduardo Ozores. Xuíz comarcal excedente, participa desde moi novo en responsabilidades relacionadas coa ditadura. Escribe na revista Cincel da Falanxe de Ourense. Regresa como concelleiro da Coruña en 1964, sendo alcalde Eduardo Sanjurjo de Carricarte. Xefe dos servizos xurídicos da Delegación Provincial de Sindicatos da Coruña. Tenente alcalde en 1966 e deputado provincial até 1967. Alcalde desde o 1 de febreiro de 1976 até decembro de 1978. Procurador das Cortes franquistas de 1967 a 1977.

A súa xestión como alcalde estivo chea de escándalos como a desaparición de documentos do avance do Plan Xeral de Ordenación Urbana e a aprobación do Plan Parcial de Mato Grande co voto de calidade do alcalde. Por outra parte, a xestión da corporación franquista presidida por Liaño Flores e os catro derradeiros meses por Berta Tapia, deixaron a economía do concello en bancarrota.

O Pleno do 28 de xullo de 1971, que presidía o alcalde José Pérez-Ardá, aprobaba por unanimidade, a proposta do concelleiro Liaño Flores, que o viaduto da praza de Madrid até Linares Rivas levase o nome de “Viaducto del Generalísimo”. Manifestouse sempre como admirador de Franco, que cualificaba como “Caudillo excepcional”, tamén despois da morte do ditador.

Despois da morte do ditador o 20 de novembro de 1975, regresa de Madrid onde asistía á sesión das Cortes, e presidía na Coruña un Pleno extraordinario da corporación, como alcalde en funcións. Liaño Flores pronunciaba un discurso de exaltación do franquismo e da figura do ditador, da “Cruzada” e de lembranza de José Antonio Primo de Rivera e de “quienes cayeron en los campos de batalla con el Caudillo que los dirigió”.

Na inauguración da avenida do Exército na Coruña polos reis Juan Carlos e Sofía o 30 de xullo de 1976, o alcalde Liaño Flores facía referencia ao ditador Franco no seu discurso: “Galicia ha sido arsenal y despensa de hombres y vituallas, sin recibir nada a cambio, de haber dado incluso un Caudillo excepcional para la historia”.

2. Sergio Peñamaría de Llano: Fascista de primeira hora, incorpórase como voluntario no exército sublevado en 1936 contra o goberno da República. Rematado o cursiño como Alférez Provisional en decembro de 1936 participa nas frontes do Ebro e Teruel. Acabada a chamada Guerra Civil, un xenocidio en Galiza, o tenente Peñamaría de Llano foi un dos oficiais ao mando do I Terzo da III Bandeira da Lexión, responsábel da represión da guerrilla, “fuxidos”, na zona do Barco de Valdeorras.

O 18 de outubro de 1939 asasinan na aldea de Soulecín a Domingo e Amalia, pai e nai dos Rodríguez López; os seus cinco fillos protéxense no monte coa guerrilla antifranquista, dado que lles roubaron todo o que da valor atoparon. Aom día seguinte asasinan e penduran dunha cerdeira a unha nai e filla, Concepción e Remedios, na aldea do Val do concello de Rubiá.

A participación de Peñamaría na represión no Barco de Valdeorras, como tenente da Lexión, está documentada, entre outras, na testemuña de Consuelo Rodríguez López, Chelo (recollida por Aurora Marco no seu traballo Mulleres na guerrilla antifranquista, publicado en outono de 2006 en Andaina, Revista Galega de Pensamento Feminista; e tamén por Ana Acuña no seu traballo Letras nómades-Experiencias da mobilidade feminina na literatura galega).

Pouco despois, o 19 de outubro de 1939, ese mesmo grupo da Lexión, comandado por Peñamaría, asasinaba na aldea do Val, concello de Rubiá, a Concepción Fernández Cadórniga (para García Yáñez o seu nome era Adoración) e a súa filla Remedios, pendurándoas dunha cerdeira. Prendéronlle lume á súa casa, obrigando aos veciños a contemplar o crime, tamén a unha filla pequena de Remedios. Segundo Aurora Marco, Felicitas (filla de Concepción) tiña relación co guerrilleiro Jesús Quiroga Arias “O Chucho”; a Lexión buscaba a Felicitas, que estaba apañando castañas en Xagoaza, e como non a atoparon, asasinaron como vinganza a nai e a irmá. García Yáñez engade o asasinato de tres irmáns no Val, “Os Perdigueiros”, tamén aforcados por orde de Peñamaría.

Peñamaría ingresaba en 1941 no corpo xurídico militar. Capitán auditor en 1943, comandante en 1950, tenente coronel cando en 1959 toma posesión da alcaldía. Foi alcalde da Coruña (23-4-1959 a 4-7-1963) e procurador nas Cortes franquistas (1959-1963). Conselleiro provincial do Movemento. No seu mandato como alcalde concedeu a Medalla de Ouro da Coruña ao xeneral golpista Fermín Gutiérrez de Soto. Foi recibido por Franco o 30 de agosto de 1973 como presidente da Hermandad de Antiguos Caballeros Legionarios.

Sendo capitán auditor formou parte do Ministerio Fiscal no xuízo contra o guerrilleiro da IV Agrupación Manuel Luis Bello Parga “Manolito Bello”, dependente de comercio e militante do PCE, pedindo a pena de morte. Manolito Bello foi executado a garrote na Prisión Provincial da Coruña o 11 de xullo de 1946. Participou tamén como fiscal militar noutros Consellos de Guerra Sumarísimos, como no celebrado o 31 de xullo de 1947, solicitando penas de morte a dirixentes do PCE. Chega a xeneral auditor en 1978.

Tivo un papel fundamental como alcalde para que a Casa Cornide pasase a poder da familia Franco, a través dunha poxa amañada, que gaña Pedro Barrié de la Maza, amigo de Franco, para o mesmo día “agasallarllelo á Señora”, Carmen Polo, esposa do ditador.

O Pleno do Barco de Valdeorras do 3 de outubro de 2019 aprobaba, por unanimidade (PSOE, PP, BNG e Riada Cidadá) esta moción: “Informa ao Concello da Coruña sobre os feitos acaecidos ao remate da guerra civil en terras de Valdeorras e nos que participou o tenente da Lexión Sergio Peñamaría de Llano, aos efectos de que, en caso de iniciar algún procedemento relacionado coa Lei de Memoria Histórica sexan tidos en conta, e así, en concordancia coa devandita Lei, contribúan a promover a reparación moral da veciñanza da comarca de Valdeorras e a recuperar a súa dignidade”.

3. Jaime Hervada Fernández-España: Despois de estudar dereito en Santiago, ingresa no Corpo Xurídico Militar, que tivo un importante papel na represión durante toda a ditadura, ascendendo a xeneral de brigada auditor do Exército de Terra en 1986.
Presidente  da Compañía de Tranvías (1968-1972). Como alcalde (2 de febreiro de 1974 a 15 de xaneiro de 1976) introduce na Comisión Municipal de Festas a Eugenio Fernández Barallobre, presidente da Comisión de Hogueras de San Juan, dirixida por significados franquistas, e recibindo desta asociación o Cardo de Plata, máxima distinción.

Poucos días despois do falecemento do ditador Franco, Hervada preside o Pleno da corporación municipal de 15 de decembro de 1975, que toma en consideración un rogo para erixir un monumento a Franco na praza de María Pita e convocar un concurso nacional, argumentando que era Fillo Adoptivo e Predilectísimo, Alcalde Honorario e Perpetuo.

Este proxecto non se materializou. Hervada foi procurador nas Cortes franquistas de 24 de xuño de 1974 a 4 de marzo de 1976.

4. Demetrio Salorio Suárez: Enxeñeiro, incorpórase á Sociedad General Gallega de Electricidad en 1943, traballa en FENOSA como enxeñeiro de dirección en 1947 e foi asesor da Presidencia até o seu falecemento en 1992. Home de confianza de Pedro Barrié de la Maza; sendo este presidente da Xunta de Obras do Porto da Coruña (1944-1971), Salorio é nomeado vicepresidente en 1965. Participa en diversos proxectos empresariais como Elaborados Metálicos, do que foi fundador, Isolux Galicia, Rubine e La Artística.

No seu mandato construíuse o aparcamento da praza de Pontevedra, coñecido como o “búnker”; as protestas conseguiron o seu derrubamento e unha reforma desa praza na década dos 80.

Tamén pretendeu unha remodelación do “Rellano” (paseo fronte ao Kiosco Alfonso), paralizada pola oposición veciñal.

Nomeado alcalde de febreiro de 1966 a xaneiro de 1969. Foi tamén Procurador nas Cortes franquistas (1967-1969)