“Rosqui” dinamizará o Museo de Ponteareas

O Concello presentou a mascota coa que pretende atraer ao público infantil

Ponteareas | As nenas e os nenos de Ponteareas afrontarán unha misión especial da man de “Rosqui” a mascota do museo municipal de Ponteareas que foi hoxe presentada pola alcaldesa Nava Castro e polo concelleiro de Ensino, Ricardo González.

Co obxectivo de dinamizar a visita ao museo e atraer ao público infantil o Concello de Ponteareas en colaboración coa Asociación do Patrimonio Cultural Val do Tea puxo en marcha un desafío que os máis pequenos deben superar da man de “Rosqui”.

Lápiz en man e pegatina na camiseta as nenas e os nenos estarán en acción percorrendo o museo para atopar as respostas e superar a pequena unidade didáctica que poden recoller xunto ás súas familias na entrada do museo.

“Promover o coñecemento das nosas tradicións e da nosa historia é o obxectivo desta iniciativa”, explica o edil de Ensino ao tempo que agradece a aportación de Sebastián, membro da asociación, e a de Lorena, alumna en prácticas no Concello. “Xuntos ideamos esta actividade da que agora poden beneficiarse toda a infancia e as familias”.

Rosqui dá a benvida a unha xornada de entretemento no museo municipal na que deberán descubrir a peza máis importante do museo, coñecer a chegada dos romanos a Galicia ou recrear a vida no Castro de Troña a través de pistas ademais de tomar contacto coas figuras do ciclismo ou estudosos e persoeiros como Fermín Bouza Brey ou Reveriano Soutullo.

Nenas e nenos converteranse en exploradores durante o percorrido, “traballamos a diario para recuperar a vida nos espazos públicos de Ponteareas, deseñamos propostas participativas na que os protagonistas sexan as persoas”, sinalou a alcaldesa engadindo que “dende este goberno apostamos por difundir o coñecemento da nosa tradición, cultura e historia”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.