Romaría da Xestosa en Covelo

Este 29 de agosto organizado pola Comunidade de Man Común de San Salvador de Prado

O Covelo | Como cada último domingo de mes centos de familias da zona e visitantes reúnense para celebrar a romaría da Xestosa, na parroquia de San Salvador de Prado, en Covelo. Ubicado no rico Val de Tielas, ao santuario da Virxe da Xestosa chégase a través da PO-261, estrada que une Mondariz co concello ourensá de Avión, collendo, unha vez pasado o centro da parroquia, un desvío á dereita sinalizado como subida ao Faro de Avión.

En plena Serra do Suído, e a 1.155 metros de altitude, as familias honran a Nosa Señora da Xestosa. Cada ano centos de fieis e devotos acuden ao santuario para venerar á Virxe da Xestosa, sendo moitas as que, ao confiar no seu poder para curar espullas, realizan o ritual de mollar pan nas augas da tumba antropomórfica que se atopa na parte traseira da igrexa para logo pasalo polo verruga. Outras, realizan ofrendas de cera, aceite, ovos ou sal e deixan limosna.

O nacemento do río Tea, a pouquiños metros do santuario, fai da zona un lugar fresco e contribúe ao mantemento dun adro amurallado cheo de árbores e cunha fonte caudalosa de auga fría. A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Salvador de Prado colocou mesas e bancos corridos para que todas as familias poidan gozar do xantar popular que completan os postos de venda de rosquillas, doces, pan e polbo.

Dende o ano 2001, existe un libro, o da Nosa Señora da Xestosa, na que as persoas plasman as súas peticións ou o seu agradecemento pola axuda da Virxe. Este libro de acción de gracias, que xa vai pola súa segunda edición, recolle a historia máis humana das persoas que viven a fe no santuario da Xestosa.

A igrexa de San Salvador de Prado informa que ás nove da mañá haberá misa na igrexa parroquial para saír, a continuación, a procesión hacia o santuario. Na capela os oficios relixiosos serán ás 10 e ás 11, sendo ás 12:30 a misa solemne. Ás 18 horas a procesión baixará para a igrexa parroquial. Todas as persoas interesadas en acompañar á Nosa Señora da Xestosa deberán contactar co párroco no teléfono 608 08 89 01.

Apuntamentos históricos
As primeiras mencións históricas, tanto da capela como da devoción á Virxe da Xestosa, tamén coñecida como Nosa Señora do Faro, remóntanse ao 1754 no Libro Beneficios do Arquivo Histórico Diocesano de Tui. Outra das referencias históricas pódese atopar no frontal da actual ermita no que podemos ler: “Año 1817. Esta obra se hizo a cuenta de los vecinos”.

A devoción a Santa María Nai, baixo a advocación da Xestosa, remóntase aos primeiros eremitas que alí viviron en soidade e vida contemplativa para os que se debeu labrar o milenario sepulcro. Tal e como podemos ler nos folletos explicativos distribuídos pola parroquia, da observación desta tumba de tipo antropomorfo de 1,90 cm de longo e 50 cm de ancho e de signo cristián, pola súa orientación pode remontarse, según un informe pedido á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, aos séculos IX ou XI en plena etapa da arquitectura eclesiástica preromana. Do informe pode desprenderse que puido formar parte dunha antiga necrópole ou que poida ser referencia dun mosteiro, hoxe desaparecido.

Outros, pola contra, falan que nese lugar e noutro tempo tivo o seu oratorio Santa Fara, primeira abadesa do hipotético mosteiro feminino de Melón. Así como que tamén puido pertencer a esta santa ou a unha compañeira súa.

Os fieis e devotos visitan á Nosa Señora da Xestosa dúas veces ao ano, o domingo da Ascensión en maio e o último domingo de agosto.

Roteiro do río Alén e Barcia de Mera
A concellería de Turismo do Concello de Covelo informa da apertura do prazo de inscrición
para o roteiro do río Alén e Barcia de Mera que terá lugar este domingo día 27 de agosto.

De trazado lineal e dificultade baixa, as e os participantes percorrerán 10 quilómetros para
descubrir a riqueza natural das ribeiras do río Alén. O punto de encontro será os muíños de
Portafurado en Barcia de Mera ás nove da mañá e o número de teléfono para realizar a
inscrición é o 654 500 652.

Vintecinco participantes coñecerán o roteiro do río Alén que percorre parte do territorio da
parroquia de Barcia de Mera tendo como eixo o cauce fluvial e o val de aluvión deste río que aporta as súas augas ó río Tea (ambos forman parte da Rede Natura 2000, a rede europea de espazos naturais protexidos), constituindo no seu conxunto unha das redes fluviais mellor conservadas do sur de Galicia en canto a calidade das súas augas, os seus hábitats de ribeira, e especies animais e vexetais.

O concello de Covelo oferta esta actividade guiada totalmente de balde en colaboración coa Deputación de Pontevedra e dentro da programación anual que permite á cidadanía gozar dunha oferta de lecer estable e organizada, “as visitas guiadas son todo un éxito e sempre quedan persoas en listaxe de espera ás que lle damos a oportunidade de participar noutra data porque ofertamos a actividade varias veces ao longo do ano.

Apostamos por propostas que conten con guías e persoal especializado para que as e os participantes lle saquen maior partido e ademais de pasar o tempo aprendan e poñan en valor”, explica Lourdes Enes, concelleira de Turismo.

O concello de Covelo oferta rutas guiadas e experiencias de observación de estrelas ao longo de todo o ano e sen custo algún para as persoas participantes.

Coñece a ruta
Ao comezar o roteiro atopamos o conxunto abacial de San Martiño de Barcia de Mera, unha obra de altísimo valor patrimonial. De seguido percorremos a barcia do Alén ata a aldea de Caxil e Alén, onde o roteiro chega ata a capela de San Xoán de Mosteiro e o seu cruceiro. Alí comeza unha fermosísima circular no bosque e matogueira de ribeira atlántica, visitando a ponte medieval do Alén e a “Fonte Santa”. O camiño de volta retornaremos ós muíños de Portafurado pola mesma senda.