Roberto Mera abandona a política activa

O primeiro tenente de alcalde renuncia a formar parte da lista electoral do BNG Ponteareas

Ponteareas | O primeiro tenente de alcaldesa, Roberto Mera, abandona a política activa e renuncia a formar parte da candidatura nacionalista. Mera adiantou a súa decisión hai un mes persoalmente á Alcaldesa a quen posteriormente, a través dunha carta, explicou formalmente os motivos da súa decisión.

Na misiva, Mera lembra que en 2009, tras 12 anos á fronte do BNG se retirou da actividade política e que dez anos despois, en 2019 “nunha circunstancias especiais nas que era preciso consolidar o goberno liderado polo BNG” decidíu atender a petición do Alcalde Xosé Represas para acompañalo na candidatura e axudar “a revertir o descenso electoral sufrido en 2011 e 2015”.

Mera cualifica aquela decisión de “politicamente acertada” a pesar de ser “conscente dos custos persoais que lle podía acarrear”. O primeiro tenente de alcaldesa lembra que “o resultado electoral foi inmellorábel, recuperando os apoios perdidos nos procesos electorais anteriores, e o mandato que agora finaliza consolidou o proxecto do BNG en Ponteareas cun balance de transformacións espectaculares das que me sinto orgulloso dende a miña modesta contribución co meu traballo como concelleiro”.

O nacionalista explica que “como outra cara da moeda, estes catro anos foron especialmente dificis no plano persoal e profesional. Compatibilizar a adicación ao Concello coa miña actividade profesional como avogado supuxo un esforzo e sacrificio imposíbel de seguir mantendo no tempo”.

Mera engade que “se ao anterior engadimos a brutal e feroz exposición pública que eu mesmo soportei e que hoxe en día comporta a actividade política, precisaríase xa dunha vocación de heroe ou mártir da que, afortunadamente, eu carezo”. O concelleiro do BNG explica que a súa decisión é imprescindíbel para atender innumerabeis ocupacións e proxectos persoais, profesionais e sociais moi gratificantes que nestes catro anos se viron prexudicados e desatendidos “e que pagan a pena na compaña de persoas que comparten comigo un sinceiro afecto e consideración”.

Roberto Mera afirma que “ninguén nun proxecto político é imprescindíbel” e agradece o ofrecemento que recibíu para continuar outros catro anos nun goberno do BNG pero aclara que o seu compromiso “foi asumido de maneira excepcional co querido e tristemente desaparecido Xosé Represas, por un período de catro anos que agora remata e que non me resultou doado concluir”. Mera revela na carta que en agosto de 2022 xa presentara formalmente á Alcaldesa a súa demisión “e finalmente aceptei facer un derradeiro esforzo que agora conclúe de forma definitiva con todas as consecuencias”.

O nacionalista desexa ánimo e sorte ao BNG explicando que retoma a súa vida anterior a 2019 “coa tranquilidade e o convencemento de que o gran traballo desenvolvido polo BNG, o novo rumbo que emprendeu Ponteareas e os seus ilusionantes proxectos de futuro terán un respaldo social inequívoco e maioritario nas vindeiras eleccións”.

A continuación, a carta completa enviada por Roberto Mera Covas:

Cristina Fernández, Alcaldesa
Bolívar González, Responsábel Local

Prezados/as compañeiros/as: Tal e como xa comuniquei persoalmente o pasado 27 de marzo á Alcaldesa, trasládovos por escrito a miña decisión de abandonar a política activa e non participar no vindeiro proceso electoral municipal.

Como lembraredes, tras 12 anos á fronte do BNG (1995-2007), en 2009 retireime da actividade política para centrarme na miña carreira profesional e outras actividades sociais e persoais. Dez anos despois desa decisión, en 2019, e nunhas circunstancias especiais nas que era preciso consolidar o goberno liderado polo BNG, o Alcalde Xosé Represas pedíume que o acompañase na súa candidatura para ser parte dun novo goberno do BNG.
Atendendo á confianza que depositaba en min e á utilidade que a miña presenza na candidatura podía reportar ao nacionalismo en Ponteareas, para revertir o descenso electoral sufrido en 2011 e 2015, aceptei o convite conscente dos custos persoais que esa decisión me podían acarrear.

O resultado electoral foi inmellorábel, recuperando os apoios perdidos nos procesos electorais anteriores, e o mandato que agora finaliza consolidou o proxecto do BNG en Ponteareas cun balance de realizacións e transformacións espectaculares das que me sinto orgulloso dende a miña modesta contribución co meu traballo como concelleiro a este proxecto colectivo.

Así pois, aquela decisión que tomei foi políticamente acertada. Pero como outra cara da moeda, estes catro anos foron especialmente dificis no plano persoal e profesional como consecuencia desa actividade municipal. Compatibilizar a adicación ao Concello de Ponteareas coa miña actividade profesional como avogado supuxo un esforzo e sacrificio imposíbel de seguir mantendo no tempo.

“Estes catro anos foron especialmente dificis no plano persoal e profesional como consecuencia desa actividade municipal”

Neste sentido, a miña experiencia persoal pode servir para reflexionar seriamente sobre qué políticos queremos nas institucións. Se os autónomos e profesionais liberais, para adicarse por completo a un cargo público e non perder os seus ingresos previos, vense abocados a compatibilizalo coa súa profesión de forma precaria, sacrificando a maior parte do seu tempo persoal e condenando á súa actividade profesional a niveis económicos paupérrimos para cando decidan reincorporarse a ela, entón a política só estará ao alcance de funcionarios, asalariados con dereito a excedencia, xubilados e persoas sen oficio nin beneficio coñecido, con aspiración a converterse en políticos profesionais.

Daquela, a democracia terá un problema e ademais grave. E se ao anterior engadimos a brutal e feroz exposición pública que eu mesmo soportei e que hoxe en día comporta a actividade política, nunha sociedade na que, como dicía Umberto Eco, internet e as redes sociais “danlle a palabra a unha lexión de idiotas e promoven ao tonto do pobo ao nível de portador da verdade”, precisaríase xa dunha vocación de heroe ou mártir da que, afortunadamente, eu carezo.

Ao contrario, teño a fortuna de contar con innumerabeis ocupacións e proxectos persoais, profesionais e sociais moi gratificantes que nestes catro anos se viron prexudicados ao non poder atendelos de forma adecuada. Así pois, a miña decisión é imprescindíbel para atender debidamente todas esas ocupacións, proxectos e compromisos sociais que realmente pagan a pena na compaña de persoas que comparten comigo un sinceiro afecto e consideración. Ninguén nun proxecto político é imprescindíbel. As persoas pasamos e os proxectos perduran no tempo.

Agradezo o ofrecemento que se me fixo de repetir na candidatura e continuar outros catro anos nun máis que seguro goberno do BNG, pero o meu compromiso activo foi asumido de maneira excepcional co querido e tristemente desaparecido Xosé Represas por un periodo de catro anos que agora expira e que non me resultou doado de concluir. Non en van, como lembraredes, en agosto do pasado ano presentei formalmente á Alcaldesa a miña demisión diante dunha situación que me resultaba xa insostíbel e finalmente aceptei facer un derradeiro esforzo que agora conclúe de forma definitiva e con todas as consecuencias.

“Retomo a miña vida anterior ao 2019, coa tranquilidade e o convencemento (…) [d]o gran traballo desenvolvido polo BNG”

Así pois, retomo a miña vida anterior ao 2019, coa tranquilidade e o convencemento de que o gran traballo desenvolvido polo BNG, o novo rumbo que emprendeu Ponteareas e os seus ilusionantes proxectos de futuro terán un respaldo social inequívoco e maioritario nas vindeiras eleccións.

Ánimo e moita sorte.
Roberto Mera Covas