Reurbanización na contorna do complexo Vila de Noia, CEIP Fogar e IES Alfredo Brañas

Concello de CarballoCARBALLO | A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar a adxudicación do contrato de obras para a “Reurbanización na contorna do complexo Vila de Noia, CEIP Fogar e IES Alfredo Brañas”, un proxecto que rehabilitará a Zona escolar e deportiva do Chorís con novos servizos, beirarrúas e unha nova pista deportiva. A empresa encargada de realizar os traballos será OVIGA (Obras y Viales de Galicia) SL por un prezo de adxudicación que ascende a 344.420 euros sobre un orzamento de contrata de 466.605,34 euros. O prazo de execución dos traballos, que están incluídos no Plan de Aforro e Investimento 2015 da Deputación da Coruña, é de nove meses a contar dende o día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación de reformulo. A actuación consistirá no reacondicionamento das beirarrúas e na actualización dos servizos, incluíndo o saneamento e abastecemento de auga, e os servizos de gas e da rede eléctrica. Regularanse os aparcadoiros, coa súa redistribución, xa que pasarán a estar en batería; e co seu acondicionamento. Crearanse novas áreas de estacionamento, co acondicionamento da que xa está en uso no solar municipal dos depósitos de auga; e, despois do acordo cos propietarios, con outra nova área de aparcadoiros na rúa Vila de Coristanco, preto do CEIP Fogar. Habilitarase unha glorieta para regular a circulación na confluencia das rúas Avenida de Bergantiños e Vila de Corcubión (na imaxe). Plantaranse 34 árbores e crearase unha pista perimetral de 1,5 metros de ancho arredor de toda a mazá para a práctica deportiva. Por último, crearase un novo portalón de acceso ao CEIP Fogar para facilitar a entrada do camión anti incendios.

Dentro do apartado de contratación, a sesión tamén supuxo a adxudicación do contrato administrativo de “Subministro dun vehículo industrial (Km 0) con caixa volquete e grúa para a Brigada de Obras do Concello de Carballo” por un importe de 53.482 euros. O contratista comprométese a subministrar o vehículo nun prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da formalización do contrato, coas seguintes melloras sen custe adicional: elévase o peso máximo autorizado a 6.500 kg; a grúa contará cun alcance mínimo horizontal de 9,80 metros e un alcance vertical mínimo de 11,50 metros. Quedou, pola contra, sobre da mesa, a prórroga do contrato do “Servizo de axuda no Fogar”. Por último, neste apartado aprobouse o expediente de contratación para o contrato de servizos de “Adecuación de parques infantís do Concello de Carballo á normativa”, que conta cun prezo base de licitación de 133.000 euros e cun único criterio de valoración que é a oferta económica. A duración prevista do contrato sería de dous meses.

Subvencións para entidades empresariais e Carballo Activa
No apartado de subvencións, saíron adiante axudas por un importe de 27.000 euros a entidades empresariais para actividades de promoción económica durante o ano 2015. Repartíronse entre catro asociacións para a realización dun estudo socio económico para o Parque Empresarial de Bértoa; para a realización de actividades de dinamización do comercio local; para un servizo de asesoramento e formación para empresarios; ou para unha campaña de mellora da imaxe comercial durante o Nadal. Así mesmo, concedéronse dúas subvencións no marco do programa Carballo Activa, unha liña de apoio directo ás empresas como medida operativa para reducir os índices de desemprego locais e comarcais. Esta subvención trata de promover activamente a inserción do alumnado do Centro Municipal de Formación que ao finalizar o seu período formativo reciba unha avaliación positiva. Neste caso beneficiaranse unha alumna do curso de Cociña desenvolvido no Fórum en 2014 -será contratada durante un ano a xornada completa- e un alumno da acción formativa “Operacións auxiliares de montaxes de instalacións e telecomunicacións en edificios” -será contratado a xornada completa durante tres meses-.

O Concello tamén concedeu un total de 5.715,16 euros a un total de 16 entidades para o desenvolvemento de Cabalgatas de Reis no ano 2015. Das 16, cinco delas refírense a actividades de animación infantil; e outras once especificamente para Cabalgatas de Reis. Por último, o apartado de subvencións péchase cunha solicitude ao abeiro dunha resolución da Secretaría Xeral de Igualdade para a concesión de subvencións ás entidades locais para a mellora do equipamento dos centros de información á muller (CIM) cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O importe solicitado polo Concello de Carballo ascende a 4.757,68 euros. Entre os asuntos de trámite, a Xunta de Goberno tamén aprobou cinco licenzas de obra maior.

Outros artigos