Resulta imperdoable.

Cambian as normas que rexen o mundo. Son tempos novos, novos e vellos monstros ameazan na nosa terra que sae desta longa sombra, neste avesío. A algúns non sei se nos dará tempo a reciclarnos porque aínda lembramos modos e maneiras inquisitoriais. Quizais agora dea voltas do revés esta bola inmensa que ao lonxe semella fermosísima e de pigmentacións azuis. Pode ser que xa non sexamos quen de coller o ritmo da involución, dese regreso. Todo é unha vergoña na que se demostra a teatralización que se viña producindo. Amizades de intereses e a verdade quedou sen translucir.

O importante foi -e é- o beneficio. Vivían nesa virtual banalidade na que todo era apetecible, mentindo e mentíndonos a todos. Atacaron á ciencia, nunha sabotaxe aos acordos internacionais medioambientais de proteccións, que non cumpriron. Agora lánzase á carreira do petróleo e facerse donos do mundo coa apropiación das súas materias primas, guerras e invasións, ameazan outros estados. A un tempo presumen de seren quen de parar guerras, claro acabando con eles todos. Non miran danos colaterais: a lei son eles e utilizan aos outros para o seu beneficio. Un ataque directo ás liberdades, a todas. Dálles igual o que digan, o que pensen, aos seus cómplices tamén. Negacionismo, cobiza, ataque aos máis vulnerables, destrución e guerra son os horizontes previsibles en calquera obxectivo, beneficio propio. E nós sabemos que son os iluminados de sempre, veñen derrocar gobernos para extraer as súas reservas e ameazar a orde mundial a cambio dos seus potenciais intereses, reservas do poder, beneficios que faran máis pobres a moitos pobos e nacións.

“O importante foi -e é- o beneficio. Vivían nesa virtual banalidade na que todo era apetecible, mentindo e mentíndonos a todos”

Os de por aquí, agora que se ven envoltos nesta liada, cagan pola pata abaixo no medio das dependencias que se inventaron e dos ultra-procesados, dos extremo-duros e brandos, no medio do descrédito xeral que non dá patente de corso e que nos paraliza diante da estupidez absoluta do absurdo. Mirámonos no espello preguntando por esa xente que tiña a obriga de ter todo previsto, por iso cobraban grandes dispendios, e que nos pilla a todas e todos sometidos á vontade duns tolos de atar. Si, foron e fomos uns ineptos e crédulos, confiados na orde internacional que, agora, pasaron pola ponte de Rande. Estamos xa no medio dunha confrontación de triste recordo anque agora, de máis calado. Chegou a ruptura de todas as normas, reviráronse os cabalos contra os indios, ascenden as violencias nunha constante confrontación xudicial e política que remexe os intestinos e dá noxo, diante da mudez do mundo que aínda non sabe reaccionar no seu asombro. As emerxencias ecolóxicas quedaron traspostas no medio do caos e do roubo, da mentira, do fracaso humano, outra vez contabilizado contos e díxome-díxomes.

A verdade é que todo isto comezou antes. Si, na xente que nos rodea e que foi quen de mentir e de roubar, de difamar, de utilizar aos demais para os contubernios de sempre. Ás agachadas, nas redes sociais -mentireiros de covardes- desde os seus propios procederes diarios, sempre tan educados e calados tramando as maiores ousadías xamais imaxinadas. A pelota foi medrando e acabouse a paz. Toca estar alerta de calquera acusación, por mor dos que tomaron a equidistancia como bandeira, sempre cautos, tan responsables eles, tan traidores e que non se mollaron nin souberon ver onde estaba o verdugo, cales eran as vítimas e así obrar en consecuencia. Si, consentiron ocultar a verdade e sumáronse a esa aliñación ideolóxica perturbada da mentira. Quen se meteu detrás da ramalleira para facer o seu agosto chegando a negarse a si mesmos e esqueceron o reparto do ben común. Dicía un bo amigo meu: “A luz será quen os delate, …e a onde ir que non amañeza?”. Si, son toda esa xente de frases lapidarias, de insulto ás agachadas, de claridade ideolóxica, cando lles convén, que escorren o problema cando lles toca dar a cara.

“O fascismo está aquí, así se lle permitiu chegar”

O fascismo está aquí, así se lle permitiu chegar e anque falan de liberdade sendo reaccionarios, falan dun sistema anti-sistema, terra-planistas e anti-vacinas, des-acomplexados. Cheos de ousadía e mentiras difunden as proclamas que verten terror e medos. Fragmentan e polarizan aínda máis, van por libre rompendo normas e valores na hostilidade e nas ameazas, na destrución e guerra, coas fames e as mortes. Xa está aquí ese monstro aterrador que invade e coloniza, ese tirano imperialista expansivo que ri de todos e fai burla. Entrou da man de tantos traidores que tamén estaban no arredor e miraron equidistantes para outro lado. Sería un bo exercicio mirarse ben no pasado propio e recente para agora descubrir o que ninguén quixo lembrar. Todo isto comezo antes no arredor e resulta imperdoable.

Mestre e músico.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.