Reparación das pontes históricas das Partidas e San Roque en Ponteareas

Tralos estragos causados polas inundacións de comezos de ano

Ponteareas | O Concello de Ponteareas vén de rematar as obras de reparación e recuperación das pontes das Partidas e de San Roque, devolvendo así estas dúas infraestruturas históricas á súa morfoloxía orixinal tras os estragos sufridos durante as inundacións do pasado mes de decembro e xaneiro e que afectaron fundamentalmente ao peitoril de ambos monumentos.

Tras acadar a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e a comunicación a Patrimonio Natural e á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, os traballos de reparación desenvolvéronse coa maior celeridade para causar as menores molestias posíbeis á veciñanza.

Por un lado, na Ponte de San Roque, situada en San Miguel de Ponteareas, as obras centráronse na reparación dos danos no peitoril de cantaría de ambos lados do lousado norte da ponte, que son os orixinais. Recolocáronse ademais as pedras do antepeito, irado pola forza da auga. A maiores realizouse a limpeza de graffitis do interior dalgúns desaugadoiros da ponte.

Na Ponte das Partidas, na parroquia de Moreira, os traballos centráronse na reparación do peitoril de cantaría de ambos lados do lousado leste e oeste da ponte, así como recolocar o antepeito, caído e arrastrado durante un tramo duns 8 metros pola forza da auga.

Tamén se substituíron as lousas fracturadas, reparouse a varanda que estaba rota e realizouse o selado dos tallamares para evitar que volva medrar a herba e permitir que se manteña en bo estado.

Durante os traballos tamén se recuperou unha lápida funeraria de gratino que estaba á beira da ponte e que xa forma parte das pezas do Museo Municipal de Ponteareas. A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, salienta a importancia destes traballos de reparación, que ademais de permitir recuperar ambos estes monumentos, parte esencial do patrimonio cultural de Ponteareas, tamén “favorecerá a aproximación da veciñanza a dous dos principais recursos patrimoniais de carácter arquitectónico e artístico do concello, recuperando a súa morfoloxía orixinal, a súa funcionalidade e gañando en sensibilización respecto ao coidado e preservación do patrimonio cultural, un ben non renovábel”.