Porque seguen sendo a esperanza deste país maltratado legal e ilegalmente. Porén só con boas doses de sentido común e pragmatismo se pode acadar o apoio de grande parte do pobo galego e acometer as tarefas pendentes. Reforma do Estatuto de Autonomía, concerto económico, protección legal efectiva do noso idioma e natureza…
Hai que coñecer e aceptar a realidade tal cal é -como punto de partida- para poder mellorala con éxito. Non apoiar a corrupción, a impostura nin a traizón a Galiza é un bo comezo. Apoiar quen defende, pon en valor e fomenta a nosa cultura, o noso medio natural (evitando proxectos perniciosos e non sustentábeis), quen defende os nosos sectores produtivos e os postos de traballo que xeran, quen procura a mellora das nosas vías de comunicación, a calidade da sanidade e da educación públicas, a xustiza social, os dereitos LGTBI e os dereitos humanos en xeral, a quen divulga a nosa Historia,… é unha boa continuación. E non ser hipercríticas/os con quen traballa na defensa de Galiza, dos seus dereitos e intereses tamén é convinte.
“Hai que coñecer e aceptar a realidade tal cal é -como punto de partida- para poder mellorala con éxito”
Preservar a paz é importante, porén non debemos renunciar a ser quen somos nin ao dereito á lexítima defensa. Se vos sentides incómodas/os ou discrepades en asuntos importantes mantede unha certa distancia, porén non deixedes de apoiar a Ana Pontón e ao BNG; porque son o presente e o futuro de Galiza. Hoxe por hoxe non hai alternativa mellor. A xustiza debe prevalecer; loitemos por iso.
Tamén quería lembrar que hai 89 anos, o pobo galego votaba masivamente a favor do primeiro Estatuto de Autonomía para Galiza e que, aínda que se quedaba curto e non recoñecía os nosos dereitos como pobo, o resultado afirmativo non foi respectado polos fascistas, como tampouco a vitoria electoral das candidaturas da Fronte Popular, pois días despois se producía a sublevación militar e paramilitar fascista; apoiada polas oligarquías, a Igrexa Católica, Salazar, Hitler e Mussolini…