Remata con éxito a X edición do Festival Groba en Ponteareas

Por segunda vez entregouse o Premio da Excelencia na Docencia Musical

Ponteareas | O Festival Groba celebrou o seu décimo aniversario reunindo en Ponteareas a destacados artistas de prestixio internacional. Un encontro musical, artístico e formativo organizado en torno á figura e obra do compositor Rogelio Groba Groba, o máis prolífico e influínte dos autores galegos, aínda en activo aos seus noventa e dous anos.

Ademais de celebrar e gozar da música de cámara, outra das pretensións do Festival Groba é impulsar e visibilizar socialmente o labor dos mestres de música. Deste xeito, un dos eventos clave da décima edición foi a entrega do II Premio da Excelencia na Docencia Musical.

Rogelio Groba Otero, fillo do mestre Groba e director da Orquestra de Cámara Galega, acompañado da alcaldesa de Ponteareas Cristina Fernández e do Concelleiro de Cultura, Fernándo Groba, foi o encargado de poñer nas mans de Sandra Fernández Fernández do CEIP Vicente Risco de Vigo no Barrio das Flores tan prestixioso galardón polo seu proxecto “Son das Flores, música para a transformación”.

“Son das Flores, música para a transformación” é unha iniciativa que xurdiu ao detectar a necesidade dun espazo educativo e de ocio saudábel para acoller ás nenas e aos nenos do Barrio das Flores polas tardes. Deste xeito, a mestra Sandra Fernández Fernández propúxolle ao seu Centro a creación dunha orquestra inspirada no modelo do mestre Abreu, co obxectivo de utilizar a música como ferramenta de transformación social e dirixida principalmente a menores en risco de exclusión social.

Así naceu, no curso 2021-22, unha orquestra de 40 nenos e nenas, de 14 nacionalidades, na que conviven desenvolvendo habilidades sociais e traballando non só aspectos musicais, senón tamén emocionais e de valores. O proxecto botou a andar cunha orquestra de cartón, con instrumentos creados polos propios nenos e nenas, máis na actualidade, a orquestra xa conta con instrumentos reais froito de doazóns e as nenas e nenos xa ofreceron o seu primeiro concerto en xuño.

Trala entrega do II Premio da Excelencia na Docencia Musical ao proxecto “Sons das Flores, música para a transformación”, a X edición do Festival Groba contou cun concerto para trío de cordas, a actuación de Erinys Quartet e unha última actuación da Orquestra de Cámara Galega.

Neste concerto, que tivo lugar no Parque da Feira Vella, as e os asistentes puideron gozar de pezas de Vivaldi, Grudman e tamén do Mestre Groba, entre as que destaca “Polas rúas de Ponteareas, unha obra que o mestre Groba compuxo para agradecer que o Concello o nomeara Fillo Predilecto da vila do Tea no ano 2006.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, agradece “a grande acollida que tivo esta décima edición dun festival máis que consolidado, que serve para que as e os ponteareáns coñezamos e valoremos a extensa obra do mestre Groba e desfrutemos da súa música”.