Refuxiados.

Galicia está a recibir refuxiados que fuxen da guerra na súa patria Ucraína. A sociedade civil galega e o seu activo tecido asociativo móvese con inmediatez, nunha mostra mais do talente solidario do noso pobo, para acoller a nenas, nenos e adultos que tentan reconstruír as súas vidas na nosa Comunidade, lonxe dos seus fogares.

Dende Tui ata A Coruña, de Ourense a Lugo, dende diversas partes da xeografía galega, Concellos, Deputacións, entidades, asociacións, están traballando nesta loable labor. Segundo cifras oficiais, son case tres millóns os refuxiados da guerra ucraína que buscan acubillo nos países veciños e tamén no ámbito da Unión Europea. As autoridades europeas xa adiantan programas de acollida, escolarización e incluso de facilitación dos trámites de residencia para estes refuxiados.

Pero esta guerra que toca ás portas de Europa cunha nova vaga de refuxiados tamén obriga á reflexión. Guerras, pobreza e conflitos existen en tódalas partes do noso planeta. Incluso hoxe que asistimos ao triste espectáculo bélico en Ucraína, outro pobo, o saharauí, vese contrariado polas repentinas decisións dun goberno, o español, que historicamente fixo da súa causa unha prioridade en política exterior e que agora da un volco absoluto a esa política a favor de Marrocos, a potencia que ocupa ese territorios saharauís.

“Esta guerra que toca ás portas de Europa cunha nova vaga de refuxiados tamén obriga á reflexión”

Nos anos 1990, coas guerras balcánicas, Europa tamén viviu estes episodios de refuxiados, principalmente bosnios. En 2015, coa guerra en Siria, volveu a experimentar un éxodo de refuxiados que fuxían deses conflitos en Siria, Afganistán, Congo, Iemen. Mentres aquí en Galicia tamén brotou a solidariedade, en outras partes de Europa (Hungría, Croacia, Polonia, etc) eses refuxiados non foron benvidos; incluso foron obxecto de trato xenófobo.

Eses países hoxe, no mundo post-pandemia (que por posterior non quere dicir exactamente que xa rematara), teñen que recibir esa marea de refuxiados dunha guerra fratricida que toca as súas fronteiras. E sen esquecer que o Mediterráneo, ese Mare Nostrum, hoxe é tamén un espazo de tránsito de refuxiados.

Europa é, dende unha perspectiva, unha historia de refuxiados. E como tal ten unha débeda moral con moitos deles, especialmente os non europeos, que fuxen dos conflitos e dos intereses que esas mesmas potencias europeas procrean de cara á ‘periferia global’. Estamos a voltas coa solidariedade pero a clave, quizáis, sexa o sistema no que vivimos.

Será China a clave?
Volvendo ao plano xeopolítico, outro tema cobra importancia: o papel de China na guerra ucraína. Moitas miradas están enfocadas en Beijing como posible interlocutor que propicie unha resolución do conflito.

Fálase da sintonía entre Putin e China e cómo esta condición pode, consecuentemente, servir ás autoridades chinesas para tentar influír e acabar coa deriva belicista do mandatario ruso.

En primeiro lugar, entre Moscova e Beijing existen obvios intereses xeopolíticos. Putin e Xi Jinping acordaron a comezos de febreiro unha inédita concreción de intereses baseados nas súas respectivas perspectivas sobre Ucraína e Taiwán. E ámbolos dous escenarios apuntan a un mesmo ‘inimigo’: EEUU. Coa súa tradicional discreción e prudencia, China evitou condear a invasión militar rusa a Ucraína, incluso ‘comprendendo’ os postulados de Putin que ‘lexitimaban’ esa intervención militar e ‘culpando’ á OTAN da crise.

“É evidente que China non está cómoda co que sucede en Ucraína”

Non obstante, é evidente que China non está cómoda co que sucede en Ucraína. Beijing quere manter un equilibrio global que lle permita transitar con fluidez nunha economía globalizada que hoxe observa atrancos proteccionistas e incluso ata autárquicos, como é o caso ruso. Por tanto, apoiar irrestritamente a Rusia ten un prezo e Beijing sabe que non pode (nin debe) necesariamente respaldar aventuras militaristas, por moito que proveñan dun aliado estratéxico como Rusia.

China ten en Ucraína unha gran oportunidade para erixirse como un líder global capacitado para a resolución de conflitos, unha condición que confirmaría o seu ascenso e afondaría esa perspectiva dun século XXI moldeado ‘á chinesa’. É probablemente o único interlocutor con capacidade de manobra e de influencia con tódalas partes involucradas, dende Moscova e Kiev ata Washington. Pero nos preguntamos: logrará facelo? Ou máis ben, ten interese en facelo?

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.