Reforma de oito oficinas xudiciais da provincia de Ourense

Implantación da Lei de Eficiencia do Servizo de Xustiza

Ourense | O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, abordou cos xuíces e letrados da Administración de Xustiza de Ourense a implantación da nova oficina xudicial no marco da Lei estatal de Eficiencia do Servizo de Xustiza. No encontro estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o secretario coordinador provincial de Ourense, Marcos González.

Alí, explicou que as oficinas xudiciais deben coordinarse coas oficinas de xustiza dos municipios para a adecuada práctica dos actos de comunicación e posibilitarán a intervención de residentes no municipio por videoconferencia e os demais servizos encomendados a esas oficinas.

A estrutura establecida para as oficinas xudiciais inclúe en todas elas un servizo común de tramitación, que realizará todas as funcións requiridas nos procedementos, e a posibilidade de contar tamén cun servizo común xeral, para labores centralizadas e transversais non encomendadas a outros servizos, e outro de execución, destinado á ordenación dos procesos de execución. Todos eles terán á fronte un letrado da Administración de Xustiza e poderanse dividir en áreas e en equipos ou grupos de traballo con persoal funcionario dos corpos de xestión e tramitación procesual, así como do de auxilio xudicial no caso dos servizos de tramitación e xerais.

Deste xeito, distínguense dous modelos de oficina xudicial. Por unha banda, a integrada exclusivamente polo servizo común de tramitación, que asumirá a totalidade das funcións procesuais e administrativas, e, por outra, a integrada polo servizo común xeral, o de tramitación do tribunal de instancia e o de execución. Este segundo modelo podería completarse co servizo común de tramitación da audiencia provincial e co de tramitación do Tribunal Superior de Xustiza, dando lugar a diferentes variantes.

Canto á fase de implantación desde o 1 de xullo xa están operativas en base á normativa estatal na provincia de Ourense as de Ribadavia, Xinzo de Limia, A Pobra de Trives, Verín, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Bande e Celanova.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.