Ponteareas | Comeza a conta atrás definitiva e xa están dispoñibles os horarios para que estes 4 e 5 de xullo, o parque da Feira Vella de Ponteareas volva a converterse no epicentro da música en directo coa chegada da XIII edición do Rock in Río Tea, organizado pola Asociación Cultural Rock in Río Tea, co apoio do Concello de Ponteareas, a Deputación de Pontevedra, Turismo de Galicia e Eroski.
O festival, un dos eventos gratuítos máis agardados do verán galego, entra na súa última semana de preparación coa publicación dos horarios oficiais das actuacións, dispoñibles xa nas redes sociais e na web do evento.
O cartel deste ano promete dous días inesquecibles: Def con Dos será o prato forte do venres 4, mentres que o mítico Ariel Rot poñerá o broche de ouro o sábado 5. A eles súmanse propostas tan variadas como Parquesvr, Stoned at Pompeii, Hugo Guezeta, Castillo, e talentos emerxentes como Lucy e os baioneses Seitura, gañadores do Concurso de Bandas 2025. Tamén haberá espazo para artistas locais como Carpe Diem e DJ Oscuro, que completan unha programación diversa e chea de enerxía. O festival manterá unha das súas tradicións máis queridas: o concerto de apertura do venres correrá a cargo do alumnado da Escola de Rock CDM de Ponteareas, un símbolo do compromiso do Rock in Río Tea co talento da vila. Non faltará tampouco a oferta gastronómica con food trucks e o mercado artesanal no propio parque, perfecto para completar unha experiencia cultural, musical e festiva nun espazo único no centro de Ponteareas. A cita está marcada: este fin de semana temos festival. Consulta os horarios, fai os teus plans e prepárate para vivir o Rock in Río Tea 2025.