
O Barco de Valdeorras | O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantivo un encontro co presidente da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), Carlos Terán Búa, no decurso do cal valoraron o desenvolvemento do programa Recomenda Valdeorras, que impulsado por AEVA co apoio de Turismo de Galicia, vénse desenvolvendo desde 2023.
Xosé Merelles salientou a iniciativa na medida en que logrou implicar aos hostaleiros e comerciantes da comarca na promoción turística de Valdeorras.
O director de Turismo e o presidente de AEVA destacaron tamén o éxito da plataforma dixital recomendavaldeorras.gal e a evolución do proxecto cara un enfoque máis innovador e diferencial, así como a utilidade do mesmo tras a vaga de incendios que asolou a provincia o pasado verán. En definitiva, subliñaron tamén os obxectivos cumpridos na medida en que se potenciou o papel activo dos axentes locais, se reforzou a proxección turística de Valdeorras e se promoveu a sostibilidade e a identidade territorial desta comarca.




